- O Mecalia Atlético Guardés sumou a súa cuarta vitoria en cinco partidos ligas como local, o que demostra o lastre que supuxo xogar case toda a primeira volta como visitante.
- Unha Carratú descomunal no primeiro tempo (54%) cimentou a valiosa vitoria do equipo miñoto, que tamén tivo a achega de Míriam Sempere no segundo acto.
O Mecalia Atlético Guardés sumou unha valiosísima vitoria diante o Motive.co Gijón na Sangriña. Un triunfo de capital importancia para levantar a cabeza e mirar cara arriba na clasificación ligueira, con dous puntos crave que lle permiten saír da zona de play-out de permanencia. Todo iso sustentado na colosal actuación de Marisol Carratú nunha primeira parte que terminou cun escandaloso 54% de efectividade.
É a segunda vitoria consecutiva de Ana Seabra á fronte do equipo e a cuarta en cinco encontros como local, o que confirma o enorme lastre que supuxo non poder contar co pavillón e co apoio da afección na maior parte da primeira volta. O Mecalia Atlético Guardés cimentou a súa vitoria na receita que lle fixo grande estes anos: defender e correr. As altas prestacións de Fanny Descalzo, Carla Gómez, Carolina Silva e Patrícia Lima incomodaron ao Motive.co Gijón.
O sensacional desempeño de Marisol Carratú freouno en seco. A porteira arxentina saíuse do mapa cunha actuación memorable na primeira metade. Unha e outra vez negaba o gol ás visitantes. Tal foi así, que o primeiro gol asturiano non chegou ata o minuto 11.
O cadeado da bonaerense levouna a asinar un esplendoroso 54% de efectividade ao descanso. E xa se sabe que neste xogo, se a portería funciona, o demais adoita ir rodado. En canto quitouse o nerviosismo inicial, o Guardés empezou a producir en ataque da man da súa primeira liña. E aínda que non puido contar con Pauli Fernández, lesionada de última hora nun xemelgo, o dúo portugués Lima – Santiago marcou a pauta xunto a María Sancha. A palentina sacou a relucir o seu talento cun par de pases mirando ao tendido e a velocidade fulgurante de todas as súas accións.
Todo nun conxunto perfecto no que a de Matosinhos dirixía e a de Águeda mataba. Seis goles para Patrícia Lima, oito para Santiago, que segue na loita polo cetro de máxima artilleira. A pesar de todo, Xixón non se rendeu. Foi capaz de anotar dous goles no tramo final do primeiro acto que lle permitiu ir ao descanso con opcións (13-7).
Ao volver do vestiario, tentou recortar, pero o Mecalia Atlético Guardés non llo permitiu. A súa receita defensiva seguía funcionando e en ataque, Seabra suplía as baixas da primeira liña con ataques 2-4 (con dobre pivote). Así mantivo as distancias.
Só no tramo final apareceu o cansazo do duelo en Madeira. Pero a renda era o suficientemente notable como para que a vitoria non se escapase da Sangriña. A renda nunca baixou dos catro goles e, finalmente, o Motive.co Gijón baixou os brazos.
Dous goles de María Sancha á carreira e un máis de Sandra Santiago case sobre a bucina pecharon o partido e dous puntos fundamentais que permiten ao equipo miñoto empatar con Beti-Onak nunha oitava praza que, polo momento, pertence ao bloque de Ana Seabra pola súa mellor diferenza anotadora.
FICHA TÉCNICA
25 MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (13+12): Marisol Carratú (p.); África Sempere, Sandra Santiago (8), Nazaret Calzado, Giselle Menéndez, Carolina Silva, Fanny Descalzo, Míriam Sempere (p.), Cris Cifuentes (2), Patrícia Lima (6), Celia López, Elena Amores (2), Carla Gómez (1), María Sancha (4) e Daniela Moreno (2).
18 MOTIVE.CO GIJÓN (7+11): Lucía Alonso (p.), Lorena Zarco (2), Paula Valdivia (2), Marizza Faría (1), María González (1), Ceci Cacheda, María Palomo (1), Debora Torreira (1), Diana Fernández, Lisa Shiazgozie, Lucía Laguna (2), Sandra Vallina (2), Mina Novocic (1), Lucía Fernández, Nayla de Andrés e Carmen Arroyo (5).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 1-0, 3-0, 6-2, 9-3, 11-3, 13-7 – descanso – 13-9, 15-9, 18-12, 20-13, 20-16, 25-18.
EQUIPO ARBITRAL: José Carlos Friera e Andrés Rosendo. Excluíron con dous minutos ás locais Sandra Santiago, Elena Amores e Carla Gómez, así como ás visitantes Nayla de Andrés (2) e Carmen Arroyo.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Liga Guerreras Iberdrola disputado no pavillón da Sangriña.