A última parada de pretempada para o Dépor ABANCA saldouse con triunfo. As Nosas vencían en Grado ao Athletic Club B pola mínima 1-0.
O regreso ás convocatorias de Ainhoa Marín foi a maior novidade. A deportivista, que foi operada do xeonllo ao final da tempada pasada, tivo incluso minutos neste cruce co filial do Athletic Club, un equipo que tamén militará este curso 2023-27 na Primera Federación Iberdrola como as galegas.
O partido estivo equilibrado e con escasas ocasións por ambas bandas. Habelas, houboas, pero poucas tanto na primeira metade como na segunda, pese a que se fixeron cambios. No segundo acto foi cando chegou o gol que desequilibrou o marcador a favor do Dépor ABANCA. A autora foi Marta Charle, un dos cambios feitos por Irene Ferreras. A atacante soriana rematou a porta baleira unha gran xogada entre Laurina e Michelle colocando o 1-0 no marcador que sería definitivo.
Polo Dépor ABANCA saíron de inicio: Yohana, Samara, Inés Altamira, Sara Debén, Paula Monteagudo, Henar, Paula Gutiérrez, Eva Dios, Laurina, Carlota e ADT (Ana de Teresa). Tamén xogaron: Ainhoa Marín, Millene Cabral, Raquel, Cris Martínez, Elena Vázquez, Ayaka, Clara, Lía e Marta Charle.