O Dépor ABANCA quere gañar máis lonxe de Abegondo e esta xornada fíxoo. As galegas venceron 0-1 ao Granada CF. Custou e o triunfo foi pola mínima, pero os tres puntos van no peto das galegas cara á Coruña. O golpe entre Henar e Laura metía o susto no corpo ás deportivistas (aínda que quedou só nun susto). Outra mala nova foi que Samara Ortiz, que volvía tras unha lesión, resentiuse e tivo que pedir o cambio.
O Dépor ABANCA estaba chegando e creando ocasións cando chegou o golpe entre Laura Fernández e máis Henar. Esta última tivo unha conmoción, mentres que Laura tivo que ser cambiada por Eva Dios por unha brecha na cabeza. Corría o minuto 20 de partido e Irene Ferreras tivo que facer un dobre cambio xa que ademais do aparatoso golpe, Samara Ortiz (que volvía dunha lesión) sentiu molestias. No seu sitio entrou Monteagudo.
🔁 #GranadaDéporABANCA: dobre cambio n #asnosas no minuto 21: Monteagudo e Eva Dios entran no lugar de Samara e Laura Fernández, mancadas pic.twitter.com/XBbLOhiBUc
— RC Deportivo (@RCDeportivo) January 15, 2023
Xa no segundo acto o partido non mudou moito até que un gol deportivista daba un xiro ao guión. Foi no minuto 70 de xogo cando Ainhoa Marín recibía un pase en profundidade. Aínda que unha defensa do Granada CF tocou o esférico, non o fixo con suficiente intensidade e o rexeite aproveitouno Ainhoa Marín para avanzar na área e anotar o 0-1.
Deste xeito o Dépor ABANCA conseguía un triunfo loitado no que soubo ser efectivo pese a ter poucas ocasións. O bloque que adestra Irene Ferreras xa pensa na visita do Cacereño a próxima fin de semana á Cidade Deportiva de Abegondo, o seu fortín.

Parte dos servizos médicos do Dépor ABANCA
No parte médico que fixo público o RC Deportivo tras o partido infórmase de que “Samara Ortiz viuse obrigada a solicitar o cambio aos 15 minutos de partido a consecuencia dunhas molestias musculares na súa coxa dereita. Os Servizos Médicos do Club, coordinados polo doutor Alejandro Mejuto, realizarán probas complementarias nos próximos días para saber o alcance exacto da súa lesión”.
Tamén se explica que “Laura Fernández, após chocar de forma fortuíta con Henar na disputa dun balón, foi trasladada ao Hospital de Neurotraumatoloxía e Rehabilitación de Granada para ser avaliada dun corte na zona periorbital. A atacante deportivista está consciente e orientada. Á conclusión do partido, Henar Muiña tamén foi atendida no mesmo centro para valorar e tratar a ferida sufrida no choque. Ambas xogadoras regresarán á marxe da expedición cando teñan recibido o alta hospitalaria”, algo que xa aconteceu tal e como se pode ver nas redes sociais deportivistas.
#ASNOSAS | Todo vai quedar nun susto e no recordo para sempre de máis puntos dos debidos en Granada.
Ánimo, boa e pronta recuperación e bo regreso a casa!
Forza @Heenaar4, @LauraFdezBorge!
Grazas @Hospital_HVN, @GranadaCF, @GranadaCF_Fem! https://t.co/7qTHZiDYKT pic.twitter.com/RBs2JUtMwG
— RC Deportivo (@RCDeportivo) January 15, 2023
FICHA TÉCNICA
0) GRANADA CF: Sandra, Marta, Moreno (Vero, min. 90+1), Alicia, Laura Pérez (Macías, min. 82), Alba, Gaste (Carol, min. 82), Naima, Ángeles (Paulita, min. 90+1), Postigo e Noe.
1) RC DEPORTIVO ABANCA: Lucía, Cris Martínez, Inés Altamira, Raquel García, Samara (Monteagudo, min. 21), Paula Gutiérrez, Henar, Ainhoa Marín, Laura Fernández (Eva Dios, min. 21; Letti, min. 72), Charle (Sara Navarro, min. 83) e Carlota Suárez (Millene, min. 83).
GOLES: 0-1 Ainhoa (min. 70)
EQUIPO ARBITRAL: Cebollada López do colexio valenciano). Amonestou ás deportivistas Samara (min. 20), Henar (min. 33).
INCIDENCIAS: Entontro correspondente á 15ª xornada da Primera Federación Futfem disputado na Ciudad Deportiva do Granada CF.