O Viaxes Amarelle FSF viaxa a medirse cun rival que aínda non debutou na competición, o CD Leganés FSF. Trátase dun partido encadrado no Subgrupo A de a competición na Primeira División do Fútbol Sala da RFEF. As galegas visitarán ao CD Leganés FSF a partir das 19:00 horas deste sábado 31 de outubro no Pavillón Municipal da Fortuna do municipio madrileño.
As coruñesas afrontan o seu primeiro desprazamento nunha tempada atípica por mor da COVID-19 e xusto cando A Coruña inicia unha etapa restricións de mobilidade. Ao toque de queda implantado en todo o Estado, súmase na cidade herculina un confinamento perimetral.
O rival das herculinas é un equipo que aínda non puido debutar na competición tras o confinamento por varios casos positivos entre as súas xogadoras. O conxunto pepinero mantén a categoría na Primeira División Nacional Feminina de Fútbol sala desde que chegou a ela na tempada 2016/2017. Esta é a súa quinta tempada na elite. A pesar de estar sempre loitando por manter a categoría na zona medio-baixa da competición, sempre foi capaz de conseguir os seus obxectivos e irse facendo un sitio na elite do fútbol sala feminino.
Neste inicio de tempada, o CD Leganés FSF terá moitas ganas de sumar unha vitoria no seu primeiro partido despois de tanto tempo de espera.
O equipo herculino, dirixido por Jorge Basanta, segue traballando duro día a día para chegar na mellor forma posible a este inicio de tempada e tentar sumar os primeiros puntos canto antes. A semana pasada o conxunto quedou co mel nos beizos tras a parada nos últimos segundos da porteira visitante; pero iso xa está esquecido e toca continuar mirando á fronte.
Todos os test serolóxicos do Amarelle, negativos en COVID-19
O Viaxes Amarelle FSF pasou esta semana unha nova quenda de test serológicos. Neles, todas as xogadoras e corpo técnico deron resultado negativo en COVID-19.
Segundo informa o CD Leganés FSF, no equipo madrileño tamén se teñen sometido a test e tanto as persoas integrantes do corpo técnico como as futbolistas, deron resultado negativo. Así, o técnico Iván Labrado poderá dispór de todas as súas xogadoras. O listado de deportistas incluídas nesta primeira convocatoria do CD Leganés está conformado por: Luci Sánchez, Patry Montilla, Roci Robles, Puche, Ampi, Patri Blázquez, Miriam, Guti, Stone, Yrezábal, Chuli, María Barcelona e Pipi.
Neste desprazamento, as galegas tratarán de buscar os seus primeiros puntos de Liga desta nova tempada na que regresan á elite do FutSal feminino español. Estamos ante un cruce de, a priori, dous equipos que serán rivais directos, ao final de tempada, á hora de loitar por manter a categoría.
Explican desde o club pepinero que o CD Leganés FSF chega ao encontro contra as coruñesas “coas pilas cargadas” e tamén con “moitas ganas de disputar o seu primeiro partido tras máis de sete meses sen competición oficial”. Para as madrileñas, como para outros moitos equipos, teñen sido “meses moi longos, con moitos sobresaltos, incertidume e cambios no calendario. chegou agora o momento de demostrar a ilusión que teñen as xogadoras de volver competir”.
Segundo sinalan desde o CD Leganés FSF, a pretempada foi “atípica, con moits interrupcións e numerosos imprevistos”. Pero festexan as madrileñas que teña chegado “o día do debur e non hai excusa que valga para salir en busca dos tres primeiros puntos que den unha alegría a toda a familia pepinera”.
Na última tempada do conxunto herculino na máxima categoría, sempre foi capaz de puntuar contra o CD Leganés FSF, mentres que en casa das pepineras, arrincaban un punto tras empatar a dous tantos, no partido en casa das galegas, o resultado sería dun 4-0 para as galegas. Por medio, un ano e medio de separación dese último enfrontamento, e con equipos diferentes; pero as galegas sairán coa ilusión posta en conseguir puntuar.