Valdetires e Viaxes Amarelle están a un partido de xogar na elite do futsal feminino. 40 minutos que decidirán que equipo xoga a vindeira tempada na mellor categoría nacional.
Herculinas, dirixidas por Jorge Basanta e ferrolás, por Diego Pardo, contan xa as últimas horas para o partido onde se xogarán todo a unha carta por volver á elite do fútbol sala feminino. O duelo será un derbi comarcal e terá lugar mañá, sábado 25 de xullo de 2020, ás 20:00 horas, no Pavillón Municipal de Sagrada Familia (A Coruña). Ao ser un evento a porta pechada, o club herculino emitirá o encontro en streaming, en directo, a través da canle de youtube da propia entidade.

O equipo herculino acumula preto das 30 sesións de adestramento desde que comezaron a volta aos adestramentos en grupo o pasado 8 de xuño de 2020. Foi un compromiso moi alto por parte das xogadoras e corpo técnico que se envorcaron na preparación deste partido, que decidirá o devir de toda unha tempada; da cal as herculinas levaban disputados 16 dos 24 partidos que tiñan que disputar na competición regular.
As semanas de adestramento con 4 ou 5 sesións semanais foron duras para todas. Ademais de que varias xogadoras tivesen que renunciar ás súas vacacións, xa programadas, co compromiso posto na decisión da RFEF de disputar estes play- off de ascenso na última fin de semana do mes de xullo.
Foron case dous meses de moito traballo, e que terán a súa resolución a todo o traballo dunha tempada nun partido de 40 minutos na cancha de 40×20 e fronte a un rival que vén de disputar un encontro a pasada fin de semana, e xa sabe o que é competir sobre a pista.

Pola súa banda, o Valdetires Ferrol, tamén leva varias semanas preparando o partido. As verdibrancas contan no seu haber con xogadoras con moita experiencia neste tipo de encontros e competir na Primeira División Nacional Feminina de Fútbol sala. Con todo iso, as de Diego Pardo veñen de impoñerse a pasada fin de semana nun emocionante encontro contra o Fisgón Futsal que rematou co marcador de 1-3. Un partido que servirá, de seguro, como reforzo para as departamentais.
O Valdetires xoga o play- off, tras ocupar a terceira posición na xeral e enfrontáronse ao segundo clasificado, ao cal foron capaces de impoñerse, e coarse nesta final para loitar coas herculinas por un único posto na elite do fútbol sala feminino.

O conxunto herculino partirá como local e contrataron a unha empresa para xestionar a emisión do partido de fútbol sala a través da canle de youtube do propio club. Todos aqueles que queiran gozar do partido, poderán facelo a través da ligazón que conecta co evento en directo que se retransmitirá: https://bit.ly/2ZUnzjX