Tras acadar por primeira vez unha vitoria esta tempada, o Viaxes Amarelle FSF, quere repetir a experiencia, pero desta vez na casa. Esta sería a primeira vitoria do equipo dirixido por Jorge Basanta como local, pero terán que logralo fronte a un rival que non coñece a derrota. As coruñesas disputarán a sexta xornada de Primeira División Feminina de Fútbol Sala o sábado, 21 de novembro, ás 18:00 horas contra o STV Roldán FSF.
O equipo murciano estase perfilando como un dos combinados fortes da competición, loitando polo título nos últimos cursos e chegando a disputar un Campeonato de Europa de Clubes. As xogadoras do Roldán, un equipo profesionalizado, non sufriron aínda ningunha derrota e as herculinas queren dar a sorpresa e ser as primeiras en gañarlles. Con dúas vitorias e dous empates, o rival das coruñesas ocupa a cuarta posición do grupo A grazas aos seus dez goles a favor e encaixando só cinco en contra.
O Viaxes Amarelle aspira a iniciar unha racha de vitorias
Tras imporse ao Cidade de As Burgas na pasada xornada, o combinado de Basanta quere usar o factor cancha ao seu favor para a seguinte cita. As xogadoras coruñesas saben que a tarefa que teñen por diante non é doada, xa que as murcianas buscarán acabar a primeira fase da competicións entre os catro primeiros.
O partido disputarase no pavillón municipal de Sagrada Familia, en A Coruña, e cun aforo reducido a 30 persoas. O club abriu o pasado luns o prazo de petición de prazas, dando preferencia a persoas socias que non asistiran a ningún encontro, que finalmente cubriron o cupo. Desde a directiva recordan que, malia querer acoller a todas as persoas interesadas en desfrutar deste deporte, a súa prioridade é a responsabilidade por velar polo cumprimento das normas e protocolos.
Porén, a afección poderá seguir o duelo a través da canle de Youtube do Amarelle, aínda que o club está á espera do visto bueno da Real Federación Española de Fútbol. O máis probable é que reciban luz verde, así que a entidade herculina xa ten todo listo para a emisión a través desta ligazón.
