O Viaxes Amarelle FSF inicia a súa preparación para tratar de conseguir o obxectivo da permanencia na máxima categoría tras o seu terceiro ascenso consecutivo á elite no últimos cinco anos.
A falta de pouco máis dun mes para o comezo da tempada 2022/2023 na Primeira División do futsalfem da RFEF .do Viaxes Amarelle FSF o primeiro equipo do conxunto herculino, dirixido por Jorge Basanta, xa empezou o seu traballo para preparar un ano cheo de ilusións.
O equipo comezou os seus adestramentos este pasado luns 1 de agosto, e este venres finalizará a súa quinta sesión de traballo onde dará os primeiros días de descanso.
As sesións de traballo comezaron no Municipal de Sagrada Familia, na Coruña, instalación habitual da escuadra herculina e onde disputará os seus partidos oficiais, como xa é costume. Para o inicio desta pretemporada, Jorge Basanta citou tamén a catro xogadoras do filial: Marta Hermo, Laura Rivas, Ana Bermúdez e Daryna Tkachenko.
Das xogadoras confirmadas do primeiro equipo do Viaxes Amarelle FSF, empezaron todas as xogadoras o pasado luns; excepto Èlia Gullí que se incorpora este venres ao grupo, así como Tety, que está pendente do visado para poder entrar en España. Falta unha última incorporación, que aínda non está anunciada; pero empezará este luns 8 de agosto co resto do grupo de traballo.
O calendario que agarda ao Viaxes Amarelle FSF
Coa publicación esta semana do calendario oficial, o primeiro equipo debutará como visitante a segunda fin de semana de setembro contra o Arriva Alcorcón FSF; previo a ese inicio ligueiro, o cadro herculino ten previstos tres partidos amigables, ademais do encontro correspondente a fase previa da Copa Galicia Feminina FS, que lle medirá co A Fervenza FSF a fin de semana do 27-28 de agosto; e no suposto de conseguir o pase de fase previa nesa fin de semana, a seguinte fin de semana do 3-4 de setembro, teríase que medir co Ourense Envialia FSF.