Sempre co marcador en contra o Viaxes Amarelle FSF chegou a ir perdendo co STV Roldán FS 1-4 pero foi quen de poñerse a un gol das táboas no último minuto de partido. O equipo que adestra Jorge Basanta acariñou puntuar pero rematou perdendo na casa co sétimo clasificado. As galegas está situadas no posto duodécimo da táboa.
O Viaxes Amarelle FSF recibía nesta xornada ao STV Roldán FS, un conxunto que viña de encaixar dúas derrotas nas últimas xornadas, e as murcianas saltaron á pista con ganas de gol. O conxunto galego, pola contra, non terminaba de gustarse. Con estes vimbios ao descanso chegouse cun 1-4 para as visitantes. Pero as herculinas nunca baixan os brazos e saltaron na segunda parte do partido a tratar de dar a volta ao encontro. Co xogo de cinco conseguiron meter o medo no corpo ás visitantes, e quedaron á beira de puntuar, cun marcador de 4-5, chegando o último gol a 30 segundos do final.
O partido empezaba cun Viaxes Amarelle FSF que trataba de saír cunha presión alta de balón sobre as visitantes, pero as murcianas conseguían adiantarse no marcador no segundo minuto de xogo cun gol de Noelia Montoro.
As herculinas trataban de buscar a reacción, e apenas uns segundos máis tarde, o Viaxes Amarelle FSF armaba unha boa contra que se ía por fóra por moi pouco, na finalización de Estela Cantero. A escuadra laranxa parecía estar a ter os seus mellores minutos, pero Laura sorprendía a Leti Rojo cun balón cruzado desde os dez metros, para subir o 0-2 ao marcador.

O partido poñíase costa arriba para as galegas, pero estas conseguían reaccionar aos sete minutos, co 1-2 transformado por Lau Doce nunha xogada de estratexia á saída dun córner. Aínda quedaba partido, pero o STV Roldán FS reaccionaba rápido ao gol, e Marian en xogada persoal subía o 1-3 ao marcador.
E xa na medianía do primeiro período, Consuelo recibía de voltas á portería herculina, e conseguía zafarse da súa defensora, e nun disparo frontal desde os cinco metros, subía o 1-4 ao marcador.
As coruñesas non se deixaban ir, e seguían loitando cada balón para meterse no partido, e terían varias ocasións para poder recortar distancias; pero o partido chegaría ao tempo de asueto co parcial de 1-4.
Logo do paso por vestiarios o conxunto adestrado por Jorge Basanta saltaba á pista máis agresivo na procura do gol, pero este seguíase resistindo. Mentres que as murcianas conseguían contemporizar o xogo e buscar a súa oportunidade para matar o xogo.
Co xogo normal, o gol non chegaba; e é por iso que a falta de oito minutos para o final, as galegas optan por sacar o xogo de cinco á cancha.

Con porteira-xogadora, na primeira xogada que circula o balón Carol Agulla conseguía finalizar no segundo pau de tacón, e subir o 2-4 ao marcador. O Viaxes Amarelle FSF facíase forte co esférico, e empezaba a xerar moito perigo sobre a meta rival, e fallando algunha ocasión moi clara ao segundo pau; pero non se deixaban por vencer.
O gol resistíase ás coruñesas. Non chegaba o premio ao traballo. E para colmo, a falta de algo máis de tres minutos para o final, o STV Roldán FS roubaba a pelota nunha saída de balón herculina, e Consuelo conseguía poñer o 2-5 no marcador. Outro mazazo para as laranxas que no canto de achegarse no electrónico vían alonxarse un chisco máis ás súas rivais. A tarefa de darlle a volta ao partido parecía aínda máis complicada, pero as galegas non se daban por vencidas.
A falta de dous minutos para o final e o ansiado tanto caía do lado local. A futbolista Cris Lourés, conseguía poñer o 3-5 no marcador electrónico do pavillón municipal da Sagrada Familia da Coruña cun potente disparo exterior, moi axustado ao pau da meta visitante.
Para frear ás galegas, as murcianas optaron por botar man do xogo de cinco, para tratar de manter a posesión, e matar o xogo; pero o Viaxes Amarelle FSF salvaba a súa posición, e a falta de pouco máis de trinta segundos para o final, María Gómez conseguía subir o 4-5 ao marcador.
Aínda quedaban segundos por disputarse, e as herculinas apuraron as súas opcións ata o último segundo; pero o partido morría cun 4-5, a favor do STV Roldán FS.
Saída a Melilla para o Viaxes Amarelle FSF
Tras este novo duelo oficial da tempada, o conxunto herculino volverá aos adestramentos o luns, e centrarase na preparación do seguinte duelo da competición regular. A Primera División RFEF Futsal Feminina afrontará a vixésimo quinta xornada da competición, nun partido que terá lugar o sábado 8 de abril de 2023, a partir das 19:30 horas no Pavillón Municipal Javier Imbroda Ortíz (Melilla), onde o Viaxes Amarelle FSF visitará ao Torreblanca Melilla FSF.
Será un complicado rival. As melillenses son cuartas clasificadas e están adestradas polo galego Morenín que coñece moi ben ao club herculino. O reto é importante, a recompensa dos tres puntos en xogo, tamén o é.
FICHA TÉCNICA
4) VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Cris Lourés, Èlia Gullí, Estela Cantero e María Gómez – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Clàudia Lobo, Carol Agulla, Lau Doce, Tety e Carlita.
STV ROLDÁN FSF: Cristina, Marian, Noelia Montoro, Consuelo e Lola – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Laura, Mayte Mateo, Ángela Górriz, Carmen e Alba Gandía.
GOLES: 0-1 Noelia Montoro (min. 2); 0-2 Laura (min. 5); 1-2 Lau Doce (min. 7); 1-3 Marian (min. 8); 1-4 Consuelo (min. 10); 2-4 Carol Agulla (min. 32); 2-5 Consuelo (min. 37); 3-5 Cris Lourés (min. 38); 4-5 María Gómez (min. 40).
EQUIPO ARBITRAL: José Manuel Carreira Romero e Manuel Dans Rey do Comité Técnico de árbitros da Coruña. Árbitro asistente: Sergio Piñeiro Rivas do Comité Técnico de árbitros da Coruña. Mesa: Santiago Modroño Liz do Comité Técnico de árbitros da Coruña. Amostaron cartóns a Jorge Basanta, adestrador do Viaxes Amarelle FSF e as xogadoras do STV Roldán FS Laura e Marian, en todos os casos a sanción foi cartón amarelo.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo cuarta xornada da Primera División da RFEF fútbol sala femenina disputado no pavillón municipal da Sagrada Familia na cidade da Coruña).