O Club Waterpolo Pontevedra desprázase esta fin de semana a Fuengirola (Piscina Municipal David Meca), onde xoga provisionalmente o Club Waterpolo Marbella, para disputar a xornada 13ª da primeira fase da competición na Primera División Nacional feminina de waterpolo. Trátase da penúltima xornada desta fase, onde o equipo galego buscará manter a súa boa serie e lograr a quinta vitoria consecutiva. De gañar, terían matematicamente un billete para loitar polo ascenso.
Non será tarefa fácil, debido a que a pesar de que o CW Marbella ocupa a última praza, é un equipo con experiencia na categoría e vén con moral alta tras conseguir a súa primeira vitoria a semana pasada fronte a un rival directo, o Mallorca WC.
Un triunfo do Club Waterpolo Pontevedra dálle acceso á loita polo ascenso
En caso de lograr unha vitoria, o equipo pontevedrés clasificaríase matematicamente para xogar a segunda fase da competición no grupo que loite polo ascenso. E o que é máis importante, aseguraríanse xa seguir un ano máis en competición estatal. Hai que lembrar que esta é a súa primeira tempada en categoría estatal e que son o primeiro equipo do waterpolo feminino galego e chegar tan alto.
O partido comezará para as galegas do Club Waterpolo Pontevedra ás 16:30 h, e é posible que se poida ver en directo por streaming na páxina de Facebook do Club Waterpolo Marbella. O seguimento do resultado do partido poderá facerse como sempre desde a web da RFEN nesta ligazón.
Na liga Galega, o CW Pontevedra visitar ao CW Rías Altas
O vindeiro domingo 12 de febreiro o Club Waterpolo Pontevedra desprázase a Coruña (CDM San Diego) para disputar 3 partidos das ligas Galegas de Waterpolo fronte ao CW Coruña Rías Altas.
O primeiro partido da tarde (16:20 h) será de Liga Galega Infantil Mixta. O equipo pontevedrés seguirá aproveitando para que novos xogadores debuten en competición e seguir así sumando experiencia para o futuro. O equipo do CW Pontevedra vén en boa progresión e facendo un gran traballo nos adestramentos.
A continuación será a quenda do equipo alevín masculino, que xogará a 5ª xornada de Liga Galega Alevín Mixta (17:40 h). Os do Lérez tamén están a facer unha boa tempada nesta categoría, onde máis da metade dos seus xogadores debutan este curso no mundo do waterpolo.
Para pechar a xornada, xogarase o partido de Liga Galega Absoluta Masculina de División de Honra (18:50 h). O CW Pontevedra buscará os tres puntos para seguir na súa boa serie na competición de liga, onde tras conseguir gañar aos dous primeiros clasificados, mantense con opcións de disputar o título.





















