A júnior Uxía Soto, do Supermercados Froiz, proclamouse campioa da cuarta xornada da Copa Galicia, enmarcada na XX edición do Trofeo de Ciclocross Cidade de Santiago.
Se o sábado en Betanzos a máis forte entre as mulleres foi a xuvenil Laura Mira, ao día seguinte a súa compañeira de equipo Uxía Soto non deu opción ao resto de corredoras elite-sub23 e júniors. A ponteareá impúxose con autoridade no circuíto deseñado polo Club Ciclista Compostelano-Muebles Compostela ao carón do estadio Vero Boquete.
Cun tempo de 43 minutos e 56 segundos, a ciclista do Supermercados Froiz celebrou cun minuto de vantaxe respecto á líder sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC) a súa primeira vitoria desta campaña no certame autonómico de ciclocrós.
A terceira praza correspondeu a Mira, que conserva a camisola da Copa, e a cuarta á tamén júnior Sofía Álvarez (Cambre). En sétima posición finalizou a gañadora elite Isabel Castro (Condado Bike), unha categoría na que María Jesús Barros (Spol) mantense á fronte do ranking malia só poder ser 13ª no circuíto da capital galega.
Así quedaron as demais categorías no torneo de ciclocross
Tal e como informa a Federación Galega, no resto de categorías apuntáronse os triunfos as corredoras e os corredores que defendían a súa condición de líderes, agás dúas excepcións. A primeira chegou na carreira cadete feminina con Aroa Otero (Avanza-O Porriño) subindo ao chanzo máis alto do caixón e María Filgueiras (Río Miera), a ciclista que encabeza o ranking, ocupando a terceira posición. Tampouco puido vencer o primeiro clasificado na xeral máster-40, Andrés Calvete (Monte Xalo), que concluíu segundo en Santiago a 13″ do gañador Uxío Canosa (Os Esfola Arrós).
Os líderes que si sumaron os 150 puntos que recibe o vencedor de cada categoría foron o cadete Tomás Pombo (Cambre), o júnior Ricardo Buba (Coruxo), a máster-30 Montserrat Martínez (Oiense), o máster-30 Jonathan Sousa (In Situ), a máster-40 Rocío Blanco (A Forna), o máster-50 Antonio Sousa e o máster-60 Antonio González (Salvaterra).
Despois desta intensa fin de semana, a Copa Galicia regresará na ponte de Todos os Santos de novo cunha dobre cita na provincia da Coruña. O domingo 31 celébrase o XII Ciclocross Concello de Cambre e o luns, día 1 de novembro, o V Ciclocross Val de Esmelle en Ferrol.