O uso obrigatorio da máscara nos adestramentos e competicións oficiais da Federación Galega de Baloncesto continuará vixente ata que a Secretaría Xeral para o Deporte aprobe as novas medidas alternativas que a FGB solicitará de xeito inminente a este organismo para a actualización do presente Protocolo FISICOVID FGB.
Tras recibir o anuncio da Secretaría Xeral para o Deporte no que se confirma que se permitirán no deporte galego federado medidas de protección fronte a COVID-19 alternativas ao uso da máscara para os maiores de 12 anos, e que estas deben ser propostas por cada Federación en particular, a FGB anuncia que traballa xa para realizar a súa proposición específica.
Neste marco, e “ata que ese proceso de presentación e indispensable aprobación pertinente por parte da Secretaría Xeral para o Deporte non se realice, a competición federada FGB seguirase disputando baixo o Protocolo FISICOVID actualmente en vigor. Isto implica que, polo momento, o uso da máscara segue a ser de carácter obrigatorio”, advirte a Federación Galega de Baloncesto.
Para os menores de 12, a máscara manterase en calquera caso
Salientar que, independentemente da futura actualización do protocolo FISICOVID, e tal e como se indica por parte das autoridades sanitarias competentes, para os menores de 12 anos seguirá sendo obrigatorio o uso da máscara.