O Concello da Coruña reuníunos hai uns días no MEGA (Museo Estrella Galicia – Mundo Estrella Galicia) a xornalistas que cubrimos información deportiva e xente que forma parte da vida deportiva da cidade. Fíxoo a iniciativa do Grupo de Deporte e Muller do Consello Municipal de Deportes. A idea era xuntármonos para poñer sobre a mesa un debate que teño para min necesario. Falamos da nosa ferramenta de traballo, a lingua, e as posibles connotacións sexistas que pode ter aparellada.
Partimos da base de que o xornalismo con perspectiva de xénero é unha cuestión que implica a todo o colectivo profesional de xornalistas e non un reducto feminino, e moito menos un xornalismo de mulleres ou para mulleres.
O primeiro que fixemos foi asumir que todas e todos nós temos metido a zoca nalgún momento. E tamén que, lamentablemente, seguirémolo facendo aínda durante algún tempo por moita coraxe que nos dea.
Xuntámonos nesta xornada sobre Linguaxe sexista na comunicación deportiva para analizármonos e detectar onde podemos mellorar e facer un propósito franco e honesto de intentar evitalo de cara ao futuro. Creo firmemente que, se non todas, case todas as persoas que estivemos participando na cita marchamos do MEGA convenidas de que podemos facelo mellor e, sobre todo, marchamos cara ás nosas redacións con ganas de facelo.
Os medios de comunicación somos para a sociedade, e incluso para estamentos como as academias da lingua como poden ser a RAE ou a RAG termómetros da linguaxe, dos seus usos.
En certa medida, como profesionais da comunicación estamos a utilizar a linguaxe dun xeito que nos ven dado por formación, por cultura, e por herdanza das persoas que andaron camiño antes… Para nós, ese uso da lingua que temos interiorizado é máis doado, e máis rápido. Sáenos de xeito, chamémoslle: natural.
Pero o certo é que a nosa educación é froito dunha cultura patriarcal ou canda menos androcéntrica, e a lingua é un reflexo máis dese poso cultural de séculos que toca revisar.
Preguntémonos se queremos ser instrumentos da perpetuación de eses conceptos, inxustos e sexistas, a través das nosas verbas, é dicir, cos nosos propios usos lingüísticos.
Preguntémonos se ese uso da linguaxe nos representa.
Preguntémonos se podemos, desde a nosa posición como xornalistas, facer unha achega construtiva que renove a linguaxe cunha perspectiva de social e de xénero. Esto é: fomentar co noso traballo diario un uso inclusivo da lingua.
Unha ferramenta de traballo viciada
Asumamos que a lingua aprendida e herdada coa que nos desenvolvemos de xeito natural conta con patróns sexistas e estereotipos. É dicir, a nosa principal ferramenta de traballo, a lingua, está viciada de seu e ten un sesgo de xénero que pode non se corresponder cos tempos actuais e, sobre todo, coa lingua que queremos deixar en herdanza ás seguintes xeracións.
Sen nos decatar, xa que o facemos de maneira automática, as palabras que empregamos, as formas gramaticais, as construcións das frases poden supor unha perpetuación de usos sexistas da lingua. Chega o momento de plantexármonos se é tempo de intentar mudar o paradigma.
Poñamos exemplos, pensemos en micromachismos que empregamos continuamente, todas e todos. Por exemplo, o apelido que lle poñemos a clubs e categorías nas que compiten mulleres: TENIS FEMININO, FÚTBOL FEMININO, BALONCESTO FEMININO…
Máis aló da inxección de cartos que permitiu mellorar as condicións dos equipos, a chegada de patrocinios ao deporte máis aló das categorías masculinas foi unha bendición de cara a un uso menos sexista da linguaxe. Grazas a esos patrocionios, agora cando falamos da Liga Iberdola de Rugby o a Liga Guerreras Ibedrola de balonmán ou do Dépor ABANCA, xa non temos que engadir: FEMININA
Pero segue a pasar noutros deportes ámbitos e clubs nos que non temos a posibilidade de tirar de patrocinador.
E que facemos diredes? Certamente, hainos que diferenciar xa que non son o mesmo e seríamos imprecisas/os nas nosas inforacións. É certo. Pero pensemos unha cousa, a que cando nos referimos a equipo masculino, sen ir máis lonxe, do HC Deportivo Liceo, non dicimos “Liceo masculino”. E sen embargo, si empregamos a fórmula “Liceo Feminino”.
Non vos apuredes a sacarnos as cores. Si, é certo. En As Nosas, tamén nos pasa. Xa dixemos antes que todas e todos incurríamos en usos lingüisticos que teñen marxe de mellora.
Rafa Nadal e os seus 21 Grand Slam foron outro tema de debate no que, o uso da linguaxe tiña todo que ver. Cando desde a prensa deportiva se informou do hito, non dixemos “deportista masculino”. Se o fixeramos, deixariamos fóra da ecuación as mulleres que xa tiñan acadado ese logro: Margaret Court, Serena Williams e Steffi Graf. Sumémoslle a Esther Vergeer en tenis adaptado feminino, incluso poderíamos falar tamén do nipón Shingo Kuniedad no tenis adaptado masculino.
Queda claro entón que, neste caso, obviar o adxectivo “masculino” fixo que cometéramos, sen pretendelo, un erro á hora de informar.
O paternalismo e a condescendencia de chamar as xogadoras “rapazas”
Poñamos sobre a mesa outro uso da linguaxe que ten connotacións sexistas. Neste caso, eu diría, paternalista e condescendente. Refírome a cando falamos das “rapazas do CRAT”, no uso en castelán serían “las chicas del CRAT”.
Eu mesma o fago ás veces. Pero a pouco que pensamos, tomaríamos consciencia de toda carga sexista que leva aparellado ese “rapazas”. Hai un tufo a paternalismo, pseudo protector que coloca á muller como alguén a protexer, alguén débil e indefenso.
Non o facemos con ese sentido dun xeito consciente (canda menos eu non o fago), pero a linguaxe que empregramos, nese uso natural, si que pode meter xiro lingüístico nese cesto.
O feminino xenérico, para cando?
Outra cuestión que cada certo tempo salta ao debate é o uso do masculino xenérico. Evidentemente estamos ante unha norma clara da nosa lingua. Non nos pasaría de ter nacido noutras latitudes onde os idiomas non aportan xénero a determinadas palabras, pero o certo é que estamos diante dese dilema.
Velaí estamos, diante da norma do masculino xenérico e pensando cando chegará o momento no que se poderá empregar un feminino xenérico.
Algun día caeremos na conta de que as normas que nos poñemos evolucionan e deben adaptarse aos tempos. Levamos séculos facéndoo. Doutro xeito seguiriamos con normas do medievo rexendo as nosas vidas. Ese día, se cadra, o masculino xenérico será unha norma que deixe de ser inamobible.
Apelido ou nome de pila?
Sigamos con micromachismos que temos apegados á noso uso da linguaxe. Imos con un moi sutil e que non é non pasa so con mulleres, pero si teño detectado que acontece máis con nosoutras. Consiste en chamar polo nome de pila e non polo apelido ás deportistas. Non tanto nos titulares, pero si cando, por oficio, buscamos non repetir palabras nos que na escrita chamamos o corpo do textos.
Reflexionemos. Tratar a alguén polo apelido leva aparellado un respecto cara á persoa. Por contra, facelo por lo nome de pila denonta unha cercanía coa persoa e, tamén un menor respecto profesional.
Por outro lado, o apelido non deixa ver o xénero, cando o nome de pila, nas máis das veces, si o fai.
Seino, aquí entran en xogo os alcumes e xa temos ‘xogo revolto’. Os alcumes non poden integrarse nesta ecuación. Non son nome, nin apelido, e denotan sempre proximidade coa persoa.
É habitual que a moitas e moitos deportistas que saíron da base lles empezamos a chamar polo nome de pila por aquelo da idade e desa proximidade, e por non ser aínda profesionais. E así lles quedou. Por iso dicía antes que non é unha regra que apliquemos só ás mulleres, pero si máis a elas que a eles.
Iniciativas desde os clubs para facernos pensar
Ao fío de usar os apelidos e da invisibilidade das mulleres en moitos ámbitos da vida, gustaríame lembrar unha iniciativa plantexada para facernos pensar neste ámbito. É do Ourense Envialia. O club ourensá sacou hai un par de tempadas unha equipación na que o nome que aparece nas cosas impreso é o apelido materno. Pretendían con ese xesto un uso da linguaxe para visibilizar a todas esa mulleres que están tapadas por un costume cultural patriarcal.
En definitiva, nesa cita que tivemos un bo número de xornalistas do deporte coruñés hai uns días no MEGA falamos de moitas cousas e fixemos eso que lle chaman noutros ámbitos exame de conciencia e propósito de enmenda.
Sabemos que non será doado deixar de incurrir e usos sexistas da lingua pero tomamos a determinación de, canda menos, tentalo e poñer da nosa parte para deixar, logo de nós, unha linguaxe nos medios de comunicación que sexa máis acorde cos tempos e que nos represente como sociedade.
Non vos dixen que me tocara moderar esa conversa entre xornalistas. Coido que fun a moderadora máis faladora de toda a historia das mesas redondas, pero cando o tema me interesa tanto, fáiseme complicado quedar calada.
Como moderadora despedín a xuntanza facendo propias as palabras que no 8M de 2019 amosaban no Obelisco da Coruña durante a manifestación do Día Internacional da Muller as xogadoras do Viaxes Amarelle. Alí estaban María Gómez, Patri Romaní, Sandra Rodríguez...
O seu cartaz era perfecto para falar dun uso non sexista da lingua e de tratar ás mulleres do deporte como o que son: deportistas.
O cartaz dicía: “O fútbol é para futbolistas”
Como vedes non sempre é imprescincible na linguaxe o xénero para falar do importante.
Na manifestación do #8M da #Coruña, as rapazas do @amarellefsf teñenno claro: O #Fútbol é para #futbolistas
Que ninguén che diga que non é para rapazas 💪#EllasTambiénJuegan #8marzo #EuVou #NinUnPasoAtrás pic.twitter.com/E95SVZUUbV— Silvia Carregal (@scarregal) March 8, 2019
NOTA: Como podedes ver, eu mesma nese chío de 2019, emprego un micromachismo dos que vos estaba a a falar: “rapazas do Amarelle”.