Un novo comezo espera as coruñesas do HC Borbolla nesta xornada. No inicio da segunda volta, as galegas visitan ao CP Alcorcón hoxe domingo 22 de novembro ás 16:30 horas, sen máis opcións que gañar ante un rival directo pola permanencia. Serían os primeiros puntos das coruñesas que adestra Santi Martínez, que non ten baixas para este encontro.
Arranca a segunda volta na OK Liga feminina de Hoquei a Patíns da FEP e chega o momento da verdade para o HC Borbolla. As coruñesas afrontan esta segunda parte da competición con cero puntos no seu casilleiro. Toca resetearse, e reempezar, para remontar e poder comezar a gañar. Como dicían no programa de TVE dos anos oitenta La Bola de Cristal, toca “desaprender o aprendido para volver a aprender”.
A primeira pedra no novo camiño a andar para remontar postos e superar a mala racha de resultados é un rival diante dos que non deberan fallar as galegas, o CP Alcorcón. Santi Martínez, adestrador das herculinas, confirmaba que para este partido ten “a toda a plantilla disposta. Aínda que Fernanda Tapia (a porteira) está un pouco renqueante, está en condicións de ser alineada”, explica.
Un rival da súa Liga para afrontar o recomezo
As de Monte Alto plantéxanse o partido “como unha nova oportunidade de comezar coas vitorias e a loita por obter a permanencia”, tal e como confirma o técnico galego. O rival, o CP Alcorcón, en teoría é un equipo da súa Liga. “É dos que segundo a clasificación, estará loitando polos nosos mesmos obxectivos”, admite o adestrador.
Son terceiras pola cola con so seis puntos. Gañaron unicamente dous partidos, e xusto foi aos dous equipos que teñen por debaixo na táboa: o Garatge Plana Girona CH e, precisamente, o HC Borbolla.
Con este escenario sobre o papel faise fundamental neste comezo da segunda volta non so gañarlles se non tamén e mellorar a diferencia de goles do partido de ida na Coruña que foi de 1-2 para o CP Alcorcón. Sobre este aspecto, Santi Martínez amósase cauto: “O primeiro é tentar a vitoria e, no caso de lograla, pois tentar tamén gañar na diferencia de goles”. Pero o principal é vencer. Por fin, vencer e puntuar.
Santi Martínez, adestrador do HC Borbolla: “O primeiro é tentar a vitoria e, no caso de lograla, pois tentar tamén gañar na diferencia de goles”
Neste comezo da segunda parte da competición o HC Borbolla ten por diante o reto de conquerir unha traxectoria competitiva radicalemente diferente da que levou na primeira para así poder reverter a complicada situación clasificatoria que atesora. Arestora é colista. Ocupa o faroliño vermello con cero puntos no seu casilleiro logo de ter disputado xa seis partidos. Ten unha diferencia de goles en contra de -19 tantos, neste último apartado so lle supera o seu rival desta xornada, o CP Alcorcón que suma -24 no golaverage.
O que resta de competición ten que ser moi diferente en resultados
Preguntado por se é posible darlle unha volta tan profunda aos resultados no que queda de competición, o técnico da escuadra coruñesa amósase esperanzado. “É o inicio da segunda volta, aínda que temos aprazado o partido co Girona (outro contrincante da zona baixa). Está marcado para o 8 de decembro. Esperamos que nesta segunda volta xa comecemos cunha vitoria e demostremos, a base non so de xogo, se non tamén de resultados, que podemos acadar os nosos obxectivos.
O HC Borbolla acariñou o triunfo en varias ocasións, pero sempre se lle terminou por escorrentar entre os dedos. Agora mesmo é o único equipo do Grupo A da OK Liga Feminina que non coñece a vitoria. “No Grupo B, o Igualada, tamén un conxunto que ascendeu este ano, non conseguiu aínda puntuar”, advirte Santi Martínez. “Iso demostra que o salto entre a categoría autonómica cara a OK Liga é moi complicado”, argumenta o técnico galego.
Santi Martínez, adestrador do HC Borbolla: “o salto entre a categoría autonómica cara a OK Liga é moi complicado, pero aínda sabendo das dificultades da categoría, esperabamos ter xa algún punto acumulado”
En calquera caso, sabedoras das dificultades e da tempada complicada que lles agardaba por mor tamén da COVID-19 e todo o que modificou as competicións deportivas, as coruñesas non pensaban no comezo chegar con cero puntos a esta fase da competición. Así o admite o adestrador das de Monte Alto. “Non, a verdade é que, aínda sabendo da dificultade da categoría, esperabamos ter algún punto acumulado”.
Santi Martínez, entrenador do HC Borbolla: “Encaramos a segunda volta da Liga neste Grupo A coa maior das ganas. O traballo das xogadoras ten que dar os seus froitos en forma de resultados”
O pasado, pasado é, e por diante teñen as coruñesas un reto maiúsculo que afrontan con actitude este novo comezo. “Encaramos a segunda volta da Liga neste Grupo A coa maior das ganas. O traballo das xogadoras ten que dar os seus froitos en forma de resultados”, augura o preparador das patinadoras coruñesas.
No HC Borbolla non desbotan a posibilidade de fichar
A ninguén se lle escapa que os reforzos poderían ser unha opción neste escenario, pero non é tan doado neste deporte e co orzamento que manexa o club herculino, no que tampoco desbotan a posibilidade. “A opción de fichar está aí. Pero neste mercado de decembro é moi difícil lograr algunha fichaxe dunha xogadora que poida darnos o plus que nos falta. Pero non o descartamos e seguimos á expectativa de que podamos atopar algún reforzo que nos faga medrar máis”, anticipa o técnico.
Santi Martínez, entrenador do HC Borbolla: “A opción de fichar está aí. Pero neste mercado de decembro é moi difícil lograr algunha fichaxe dunha xogadora que poida darnos o plus que nos falta. Pero non o descartamos e seguimos á expectativa de que podamos atopar algún reforzo que nos faga medrar máis”
En todo caso, para o inminente encontro desta tarde que supón un novo comezo non chegarán eses reforzos e o HC Borbolla terá que buscar o triunfo cos vimbios cos que conta.