O Palacio Municipal dos Deportes de Riazor acolleu esta tarde a gala de entrega de trofeos das competicións de fútbol-8 organizada pola Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC). A alcaldesa, Inés Rey, participou no acto xunto ao concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e á concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, facendo entrega dos galardóns aos equipos destacados nas diferentes categorías.
A gala da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) reuniu a centos de xogadores e xogadoras, familias e representantes dos clubs da cidade para poñer o broche final á tempada 2025/2026, recoñecendo o esforzo, a dedicación e o traballo desenvolvido ao longo do curso.
⚽️ Un milleiro de futbolistas de base celebran o remate da tempada 2025/2026 na Gala da AFAC.
🏆 O Palacio dos Deportes de Riazor acolleu a entrega de trofeos das competicións de fútbol-8 nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. pic.twitter.com/VZ4tKdBK8j
— A Coruña Deportes (@coruna_deportes) June 25, 2026
A alcaldesa incidiu en que “o deporte base é unha escola de valores e unha ferramenta clave para a formación das novas xeracións”. Tamén agradeceu “o esforzo diario dos clubs e de todas as persoas que fan posible que o fútbol base continúe medrando na Coruña”.
Entrega de trofeos e medallas da AFAC
Durante o acto entregáronse os trofeos e medallas aos equipos participantes nas diferentes competicións, nunha cita que cada ano reúne a centos de deportistas e familias para celebrar o peche da tempada do fútbol base coruñés.





















