A presentación do Club Marineda Hockey diante do seu público foi un éxito. O conxunto coruñés venceu por un rotundo 11-0 ao Patinalón no Torneo La Tribuna. A cita pechaba a pretempada para as herculinas que finalizan esta etapa precompetitiva con “excelentes sensacións”.

A pesar de que a Carreira da Muller era un duro adversario para atraer público, o Pavillón Agra I encheuse para asistir á presentación en casa do conxunto do Club Marineda Hockey diante o seu público.
As coruñesas organizaron o primeiro Torneo La Tribuna no que se enfrontaban ás herculinas ante o Patinalon asturiano. Ambos os dous equipos xogan esta tempada 2025-26 na Ok Prata, segunda categoría feminina do hoquei a patíns estatal.

O encontro tivo pouca historia e as locais gañaron por 11-0 deixando a sensación de ser un dos favoritos para o ascenso esta tempada.
O ambiente festivo da cita non impediu que as coruñesas se afanasen para dar o mellor de si mesmas, por primeira na que será a súa pista.
Foi un partido intenso, vibrante e con moitos goles que a inchada local celebrou. No descanso actuou o Colectivo A Compañía de Oleiros cunha creación recreando a vida e obra de Emilia Pardo Bazán, cuxos relatos sobre ‘Marineda’ no xornal La Tribuna inspiraron o nome do club e do torneo.
Ver esta publicación en Instagram
Unha vitoria incontestable nunha pre tempada que deixou moi boas sensacións no conxunto que adestra Nelson Obelleira.
“O empate de onte a ceros diante do Escola de Azemeis en Portugal e a goleada desta mañá confirmaron o intenso traballo feito neste mes de preparación”, apuntan desde o club galego.
De todos os xeitos o serio comeza o vindeiro domingo. No mesmo escenario, o Pavillón Agra I, ás 12:00 horas e fronte ao Berenguela de Santiago, un equipo que, sen dúbida, presentará dura batalla ao Club Marineda Hóckey.






















