Non podían fallar e non o fixeron. As Nosas deportivistas que adestra Irene Ferreras vencían 6-2 ante o pechacancelas na súa despedida na liga regular da afección herculina na Cidade Deportiva de Abegondo. Tampouco o fixeron SD Eibar, nin CDF Osasuna Femenino que venceron nos seus compromisos por 2-0. Este triunfo do Dépor ABANCA fai que o conxunto galego chegue á última xornada de competición na Primera Federación Iberdrola con opcións de acadar o ascenso directo.
Fiiiiinaaaaal do #DéporABANCAGineluxJuanGrande, 6-2!
Retransmisión patrocinada por Auga de Parada pic.twitter.com/k3hIBCMo76
— RC Deportivo (@RCDeportivo) May 7, 2023
Barcelona B, SD Eibar, RC Deportivo e CDF Osasuna Femenino. Esa é a orde da clasificación da categoría de prata do futfem español a falta da disputa dunha última xornada. So un equipo ascende directo. Non pode ser o actual líder xa que é filial do Barça e non pode subir de categoría. Empatados a 52 puntos están os tres aspirantes. A última xornada será a que decida o sitio para o ascenso directo (o premio gordo) e tamén o lugar para quen xogue o play-off por un segundo ascenso á elite do fútbol feminino estatal.
O CD Juan Grande Ginelux saíu goleado da Cidade Deportiva de Abegondo. O Dépor ABANCA impúxose 6-2 ás colistas deixando claro que non vai renunciar a nada ata o último momento. E con opcións de todo chegarán as galegas ao último partido de liga regular.
As futbolistas que adestra Irene Ferreras marcaron media ducia de goles ao pechacanchelas, o CD Juan Grande Ginelux. Alcanzan as galegas a última xornada con 52 puntos, os mesmos que SD Eibar e CDF Osasuna Femenino, e 3 máis que o Granada CF.
Polo Dépor ABANCA abriu a lata aos catro minutos de xogo Millene. Era a primeira oportunidade do encontro e as coruñesas non perdoaron. A brasileira controlou en carreira un pase en profundidade de Ainhoa Marín desde o extremo esquerdo e definiu con mestría ante a saída de Vicky.
Pese ao resultado final (6-2), a adestradora das galegas Irene Ferreras xa advertira que o equipo canario era un “rival trampa“. Proba diso foi que as futbolistas do CD Juan Grande Ginelux non se rendiron e chegaron a empatar o partido. Foi no minuto 11 con moito tempo de xogo por diante. Núria cabeceou ao fondo das mallas un córner lanzado desde a dereita do ataque isleño.
Novo gol do Dépor ABANCA que retoma o control do partido
O Dépor ABANCA recompúxose rapidamente e anotou novamente. Foi nun novo balón en profundidade, esta vez polo centro do ataque coruñés e saído de pés de Paula Gutiérrez, protexeuno Millene aguantando a arremetida de Núria para volver definir, agora cun disparo cruzado, ante a saída da porteira visitante. Superábase o cuarto de hora de xogo e As Nosas deportivistas volvía a estar por diante no marcador (2-1).
As branquiazuis controlaron o partido e abriron brecha pouco despois, no minuto 24, nunha gran acción individual de Ainhoa Marín. A catalá internouse con velocidade polo extremo esquerdo, recortou cara a dentro para desfacerse de Tania e disparou raso á cepa do pau máis próximo para bater a Vicky (3-1).
O CD Juan Grande Ginelux non lle perdeu a cara ao partido. Amosouse como un óso duro de roer. Á media hora xerou dúas boas chegadas, que acabaron cun disparo desviado de Alba Quintana e un lanzamento alto de Valeria. E no minuto 35, Tania estrelou o coiro no traveseiro nunha cabezada a falta colgada por Valeria.
No segundo acto o Dépor ABANCA dominou máis o xogo, pero as canarias, por moito que ocupen o último lugar, non son un conxunto doado. Así, o CD Juan Grande Ginelux recurtou distancias no minuto 66 por medio de Raquel, que bateu a Yohana cun disparo cruzado desde a dereita do ataque canario (3-2).
Carlota Sánchez foi que anotou o 4-2 rematando coa esquerda de vaselina un pase en profundidade de Inés Altamira.
Charle apuntouse o 5-2 no minuto 82 cun remate de cabeza a porta baleira após un centro tocado de Sara Navarro. E no tempo engadido, Carlota Suárez redondeou a goleada para o Dépor ABANCA logo de facerlle un recurte a Vicky na súa saída fóra da área (6-2).
Irene Ferreras deu descanso ás futbolistas do Dépor ABANCA Ata o mércores 10 de maio ás 10:00 cando se exercitarán na Cidade Deportiva de Abegondo.
A próxima cita de As Nosas deportivistas na Primera Federación Iberdrola, será a última xornada da liga regular. Ese partido está marcado para o domingo 14 de maio ás 12:00 en Pradoviejo. O rival é o DUX Logroño, oitavo clasificado. En xogo o ascenso directo.
#ASNOSAS | O #DéporABANCA, a un paso do ascenso: isto é o que ten que pasar na xornada final https://t.co/R7E9mNlomG pic.twitter.com/G5rUTwz6hK
— RC Deportivo (@RCDeportivo) May 7, 2023
FICHA TÉCNICA
6) RC DEPORTIVO ABANCA: Yohana, Cris (Patri López, min. 67), Inés Altamira, Raquel García, Monteagudo, Paula Gutiérrez, Letti (Carlota Sánchez, min. 67), Ainhoa Marín (Sara Navarro, min. 58), Laura Fernández (Carlota Suárez, min. 58), Eva Dios e Millene (Charle, min. 75).
2) CD JUAN GRANDE GINELUX: Vicky (Recalde, min. 67), Tania, Cora, Núria, Alba Santamaría, Valeria (Arisleyda, min. 59), Elisabet, Fanny Godoy (Daysy Bareiro, min. 59), Alba Quintana (Yanira Morán, min. 81), Mar Rubio (Anna Lizarraga, min. 81) e Raquel.
GOLES: 1-0 Millene (min. 4); 1-1 Núria (min. 11); 2-1 Millene (min. 16); 3-1 Ainhoa Marín (min. 24); 3-2 Raquel (min. 66); 4-2 Carlota Sánchez (min. 71); 5-2 Charle (min. 82); 6-2 Carlota Suárez (min. 90+3).
EQUIPO ARBITRAL: Josefa Sánchez Gómez (c. cántabro). Cartón amarelo a Elisabet (min. 68).
INCIDENCIAS: partido da 29ª xornada de Primera Federación Ibredrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo. O partido foi transmitido en streaming pola canle de YouTube do RC Deportivo.