Irene Trabazo, do club XSM, venceu o pasado sábado, 21 de novembro, na proba feminina elite sub23 da Copa Galicia de Ciclocrós 2020. A competición celebrouse en Marín, de onde é natural Trabazo, no circuíto Chan de Gagán, e como novidade, incluiu as dúas carreiras das categorías elite-sub23.
Sen público e cos participantes obrigados a presentar un resultado negativo nun test realizado entre 24 e 72 horas antes da competición, o evento organizado polo Club Ciclista XSM reuniu en Marín a 170 ciclocrosistas que tiñan que estar empadroados en Galicia. A xornada de ciclismo dividiuse en sesión de mañá e tarde para evitar as aglomeracións.
Trabazo impúxose desde o comezo
Na primeira quenda de saídas puxéronse en xogo catro maillots de líderes da Copa. Sonia Costoya (Corbelo) dominou nas máster-40, Montserrat Martínez (Oiense) foi a primeira máster-30 e a estrutura do Avanza fixo dobrete en cadetes coas vitorias de Uxía Soto e André Martínez.
A continuación, entraron en acción os juniors, tanto rapazas como rapaces, así como as elite-sub23. Irene Trabazo non deu opción dende os primeiros metros as súas rivais na categoría raíña feminina. A elite marinense corría na casa e na primeira das seis voltas ao trazado de Chan de Gagán distanciouse case nun minuto da sub23 Carla Fernández (Río Miera). A diferenza ao remate da carreira alcanzou os catro minutos e xunto á viguesa entrou a gañadora júnior Laura Mira (Avanza). Pola súa banda, Miguel Rodríguez (Ponteareas) impúxose na competición masculina.

A sesión matinal concluíu coa emocionante proba masculina de elite-sub23. Non tivo unha vitoria tan folgada coma Irene Trabazo, Daniel López, do equipo Cambre-Caeiro, que tivo que impoñerse a Saúl López, de Academia Postal-Maceda, superándoo ao esprint. Ambos ciclistas protagonizaron un man a man pola vitoria, cun duelo moi parello no que a incógnita non se despexou ata os metros finais da oitava e última volta. O mellor sub-23 foi David Fernández (Avanza), sétimo na táboa absoluta.
Despois da paréntese do mediodía, celebráronse as carreiras dos masters masculinos pola tarde. Rubén Deaño (Ourense Termal) triunfou entre os de 30 anos, José Rodríguez (Norinver) nos máster-40, José María Magariños (Condado Bike) nos 50 e Constante Lestido (O Trisquel) nos 60. A Copa Galicia regresará o vindeiro sábado, de novo na provincia de Pontevedra. Sanxenxo acollerá a segunda xornada.