Na pasada fin de semana a Viveiro Bike Xtreme acolleu o campionato de Galicia de BTT Maratón, que deixou como campioa elite a Teresa Barreira. A ciclista do Extol MTB Team dominou o percorrido proposto pola Peña Ciclista Lar.
A cita, que foi a última da temporada autonómica de Cross Country Maratón (XCM), contou cunha ruta de 65 quilómetros pola Mariña Lucense, poñendo a proba a resistencia de todas as participantes.
Despois de non poder celebrarse no 2020 por mor da pandemia, o Campionato de Galicia XCM rexurdiu nun trazado no que se acumulan 2.500 metros de desnivel positivo.
Emoción ata o final
Unha ciclista da Mariña reinou entre as mulleres. A pontenovesa Teresa Barreira impúxose con remontada incluída. A elite do Extol circulaba en Landrove a dous minutos e medio da máster-30 Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas), unha situación de carreira que mudou na segunda parte do percorrido.
Barreira detivo o seu cronómetro na meta de Viveiro tras 4:26:26 de esforzo, vencendo con 36” de colchón sobre Ortega. Ana María González (Mitto-X Sauce), defendendo con éxito a coroa máster-40, ocupou o terceiro posto na clasificación feminina. Outras tres corredoras subiron ao podio liderado por Barreira: Rebeca Muñoz (Ribadumia), cuarta na táboa absoluta e segunda máster-40; e as elites Mar Delgado (Monteneme) e Desiree Fernández (RSBike), quinta e sexta respectivamente.
A entrega de premios contou coa presenza de Jesús Fernández, tenente alcalde de Viveiro; César Docal, concelleiro de Deportes; Emilio Villarmeá, concelleiro de Cultura; José Pernas, presidente da Peña Ciclista Lar; e de Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Ciclismo Galega. Esta cerimonia puxo o punto final á temporada autonómica 2021 de XCM.
Consulta aquí todas as clasificacións.
Sorpresa masculina
Malia non ser a súa especialidade, Manuel Parada, campión masculino, xa avisara na clausura da Copa autonómica do rendemento que pode ofrecer nas distancias longas e o de Aguiño consagrouse como fondista en Viveiro.
“O circuíto adaptábase ás miñas condicións. Ten baixadas técnicas, nas que se poden abrir distancias, e as subidas son longas e con bastante inclinación. É dos percorridos máis esixentes que coñezo, é durísimo. Eu vin no 2016 e estaba nunhas condicións impracticables. Hoxe parecía que a bici corría moito máis”, comentou o gañador esta temporada do Open de España de Cross Country Olímpico (XCO) na categoría máster-30.
Parada e o máster-40 asturiano Javier del Cueto (La Deva) puxeron terra de por medio no primeiro terzo da proba e ao paso por Landrove, punto de control do km 28, a súa diferenza respecto ao seu perseguidor, o elite Saúl López (Academia Postal-Abanca), roldaba os dous minutos. O tamén elite Javier Busto (Extol), que acabaría conectando co representante do Maceda, cedía catro minutos e medio.
A unidade no dúo de cabeza rachouse na segunda ascensión, co corredor do Principado lanzándose ao ataque. “Non quixen meterme nese cambio de ritmo porque o podía acusar na parte final. Aí estivo a clave, en gardar ese puntiño, porque sabía que tiña distancia con Saúl e Busto”, sinala Parada, que conseguiu alcanzar e soltar a Del Cueto para presentarse na liña de meta en solitario. Cun tempo de 3:23:32, e desfrutando dunha vantaxe de 2:26, o ribeirense adxudicouse a Viveiro Bike Xtreme.
“Estou sorprendido porque o maratón non é a miña especialidade e ser campión galego absoluto era algo impensable hai dous meses”, admitiu o corredor do Xesteiras. No podio máster-30 estivo escoltado por Daniel García (Muros), sétimo na táboa xeral, e Manuel Casuso (Xesteiras), undécimo na clasificación absoluta.
Título elite masculino
Del Cueto conseguiu manter a segunda praza, pero non se puido relaxar ata o final porque a só 6” do asturiano rematou Sául López. O monfortino obtivo o título elite e o terceiro posto absoluto despois de pasar por Penedo do Galo, no punto de control situado a 10 km da meta, na compaña de Busto, a quen acabou batendo por 44”. O podio elite completouno Estefan González (Retelec-Alca), que pechou o top-5 xeral da proba.
A sexta praza na meta correspondeu ao novo campión autonómico máster-40 Diego Álvarez (MTC Team). Coas outras dúas medallas nesta categoría fixéronse Alejandro Trasbach e Iván Pereira, oitavo e décimo respectivamente. Entre estes dous corredores do Xesteiras concluíu o elite Alberto Alanís (Burgas Bike).
Os outros tres campións masculinos da xornada foron o sub23 Ángel Maneiro (Vigo-Rías Baixas), o máster-50 Francico Xavier López (MTC), que revalidou título, e o máster-60 Constantino Arias (Tres Lunas).