Ourense Envialia e Viaxes Amarelle FSF afrontaban un novo derbi galego con ganas de levar o triunfo. Ao final, o premio dos tres puntos non foi nin para locais nin para visitantes. O resultado 2-2 deu nun reparto de puntos froito das táboas neste novo duelo de rivalidade entre ourensás e coruñesas.
O equipo dirixido por Jorge Basanta acudía a un derbi galego con todas as ganas de poder sacar unha vitoria que lle permitise coller folgos e distancia cos postos de descenso. As herculinas saían metidas no partido, e conseguían adiantarse moi pronto e facer boa a súa renda no marcador; pero os últimos minutos e o xogo de cinco local, unido a un gol en propia porta no último minuto de xogo terminou por borrar o sorriso herculino da vitoria, e terminar cunha repartición de puntos tras finalizar o encontro co marcador de 2-2, con goles de Cris Lourés e Lau Doce.
O partido empezaba con dous equipos esperándose en media cancha o ataque do contrario, para poder sorprender á contra ou con xogo directo; e aos catro minutos de xogo, unha falta a escasos sete metros da portería, moi centrada, deixaba ao conxunto herculino a oportunidade de adiantarse, e Cris Lourés cun potente disparo conseguía sorprender a Uxía e poñer o 0-1 no marcador.
O conxunto coruñés, coa vantaxe xa no marcador, tentaba ampliar a renda e ter tranquilidade, pero o gol non chegaba. Mentres, o conxunto ourensán empezaba a xerar algunhas ocasións de perigo, que resolvía ben Leti Rojo baixo paus, e o partido íase ao tempo de asueto coa exigua vantaxe visitante de 0-1.
Logo do paso por vestiarios, o conxunto coruñés non empezou a segunda parte da mellor maneira posible. Pola contra, o Ourense Envialia aproveitouno para xerar cada vez máis perigo sobre a portería de Leti Rojo. Boas paradas e unha boa defensa impedían o gol das locais.
Co 0-1 no marcador, o Viaxes Amarelle FSF tiña un dous para un contra Uxía, que Lau Doce finalizaba cun disparo desde o bordo da área, e coa porteira vencida, pero o balón ía ao pau, e impedía o gol da tranquilidade das herculinas.
O Ourense Envialia empata o choque
O partido chegaba ao seu tramo final, e a escuadra local optou por sacar a pista o xogo de cinco, e nunha acción pouco afortunada para a defensa herculina, que deixa un balón morto diante de dúas defensoras laranxas, termínao aproveitando Iria Saeta que entrou desde atrás, para poñer o 1-1 no marcador a menos de catro minutos para o final.
O Viaxes Amarelle FSF subía a presión para tratar de conseguir a vitoria, e a falta de pouco máis dun minuto, Lau Doce rouba na presión alta de balón, e no un para un contra Uxía, consegue subir o 1-2 ao marcador.
As locais volven optar polo xogo de cinco para tratar de igualar a contenda de novo, e nun balón que mandan ao centro da área, toca en Èlia Gullí con tan mala fortuna, que o balón se coa ao fondo da rede e pon o 2-2 no marcador.
O equipo laranxa tentouno durante os últimos segundos, e tivo unha acción similar á do autogol laranxa, pero na portería ourensá, pero nesta ocasión as locais tiñan máis fortuna e Uxía salvaba o balón sobre a liña para evitar a derrota do seu equipo; e ambos os equipos chegaban ao final do tempo regulamentario cun empate que sabe a pouco á escuadra herculina.
Tras este novo duelo oficial da tempada, o conxunto afrontará xornada de descanso este domingo, e o luns volverá á carga; pois a pesar de que empeza a semana santa, o equipo ten partido o sábado, e adestrará con normalidade para poder seguir de fronte o obxectivo da tempada. A Primeira RFEF Futsal Feminina afrontará a vixésimo cuarta xornada da competición, en partido que terá lugar o sábado 8 de abril de 2023, a partir das 18:00 horas no Pavillón Municipal de Sacra Familia (A Coruña), onde o Viaxes Amarelle FSF recibirá ao STV Roldán FSF.
FICHA TÉCNICA
2) OURENSE ENVIALIA FS: Uxía, Chiky, Zaide, Clara Fernández e Candela – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Vero, María Arias, Iria Saeta, Sara Moreno, Marta, Celia e Sara Santos.
2) VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Cris Lourés, Carol Agulla, Èlia Gullí e Clàudia Lobo – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Lau Doce, Tety, Ronsel Canteiro, Carlita e María Gómez.
GOLES: 0-1 Cris Lourés (min. 4); 1-1 Iria Saeta (min. 36); 1-2 Lau Doce (min. 39); 2-2 Èlia Gullí (propia porta) (min. 40).
EQUIPO ARBITRAL: Pablo Coello Martínez e Javier Menéndez Nistal do Comité Técnico de Árbitros da Mariña. Árbitro Asistente: Iván Feliz Otero do Comité Técnico de Árbitros de Ourense. Mesa: Andrea De Luís Iglesia do Comité Técnico de Árbitros da Mariña. Tarxetas: Zaide e Raquel Mondoruza do Ourense Envialia FSF (Tarxeta Amarela). Marta Hermo do Viaxes Amarelle FSF (Tarxeta Amarela).
INCIDENCIAS: Partido correspondente á vixésimo terceira xornada da Primeira RFEF Futsal Feminina disputado no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense.