Ourense Envialia e Pescados Rubén Burela empatan 1-1 nos Remedios no cruce co que ambas as dúas escuadras galegas recuperaban o partido adiado da xornada 18ª. O resultado permite ás locais escalar postos na táboa e colocarse quintas a dous puntos do play-off.
Tiñan ganas as da Mariña de desquitarse da eliminación da Copa de Galicia, pero non puido ser. As ourensás evitaron a derrota e empataron o choque en cancha propia.
No arranque do partido o Pescados Rubén Burela achegábase con varios disparos a portería que non chegaban a perforar a meta rival. No minuto 5 de xogo, o Ourense Envialia ía inaugurar o marcador por medio de Robinha. A futbolista do conxunto local aproveitaba un balón morto na área, no que foi o seu único disparo nos tres paus de toda a primeira metade. Efectividade máxima ante un rival difícil como as lucenses.
Os seguintes minutos de xogo, ata chegar ao ecuador da primeira parte, ían ser un calco do inicio, o Pescados Rubén Burela controlando o xogo pero sen profundar suficiente na área rival.
Pasados os 10 primeiros minutos, o Pescados Rubén Burela seguía coa posesión e dominio de xogo, xerando moitos disparos sen perigo. Non ía chegar unha ocasión clara ata o minuto 14 na que Dany puido igualar o partido.
Os últimos minutos da primeira metade seguían transcorrendo de igual forma, un Ourense Envialia moi ben colocado na pista en labores defensivas e resistindo os ataques do Pescados Rubén Burela que non ameazaba o suficiente ás xogadoras ourensás. Con isto, ía chegar o descanso do partido co marcador de 1-0 a favor do conxunto local que adestra Morenín. Unha curta vantaxe que non deixaba tranquilas nin confiadas ás ourensás.
O partido cambiou de tónica no inicio da segunda metade con máis accións de gol para ambos os equipos. Tanto é así que o Pescados Rubén Burela vai empatar o partido en apenas 1 minuto da segunda parte xogado. Chegar e encher, como se di. O gol visitante asinouno Dany. A futbolista, despois dun grave erro na saída de balón do Ourense Envialia, non perdou e anotou o empate. No electrónico, 1-1, e toda a segunda metade por diante para decidir se había un equipo mellor ca o outro o as táboas, como finalmente aconteceu, eran o resultado xusto para este cruce.
O encontro, a medida de que se ía achegando o minuto 30, íase parecendo máis ao que era anteriormente, un Pescados Rubén Burela buscando o gol cun Ourense Envialia moi ben plantado en defensa. As Guerreiras Laranxas da Mariña tiveron ocasións claras para poñerse por diante, pero ou ben pola defensa férrea ourensá ou ben pola gardameta Elisa do Ourense Envialia, a cal fixo parecer que era imposible anotar. Non materializaban as ocasións.
O Ourense Envialia xogaba moi ben co empate, e non parecía que buscaba poñerse por diante, centráronse en defender e manter o resultado, mentres as guerreiras non lograban converter as súas chegadas en gol. Ía acabar o partido desta forma nos Remedios, producíndose un empate definitivo 1-1 neste duelo galego.
Dous puntos separan ao Ourense Envialia dos postos de play-off
Este resultado sube ao Ourense Envialia ata a quinta praza da táboa clasificatoria da Primeira División do fútbol sala feminino da RFEF, ás portas dos postos de play-off dos que están separadas unicamente en dous puntos.
Sumar diante das segundas clasificadas venlle moi ben ás ourensás que a vindeira fin de semana mídense ao outro coco da categoría, o Futsi Atlético Navalcarnero. Chute de moral, e un punto no peto para sumar e non perder pé na loita por estar pelexando polo título ao final da tempada.
FICHA TÉCNICA
1) OURENSE ENVIALIA: Elisa, Sara Moreno, Laura Uña, Maria Arias, Chiki – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Iria, Marta, Judith, Robinha, Meri, Vane, Jenni Lores, Carla, Zaide.
1) PESCADOS RUBÉN BURELA: Sandra, Cilene, Emilly, Dany e Ale de Paz – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Bea Mateos, Elena Aragón, Irene Samper, Lara Balseiro, L. Martín Cortés, Jenny, Jozi e Elenita.
GOLES: Min 5 Robinha 1-0; Min 21 Dany 1-1.
EQUIPO ARBITRAL: Tarjeta amarilla a Robinha
INCIDENCIAS: Partido correspondente á xornada 18 adidada no seu día na competición de Primeira División do FSF da RFEF, disputado no pavillón dos Remedios de Ourense.