- O equipo miñoto do Mecalia Atlético Guardés sumou un empate nun choque con alternativas constantes fronte a Caja Rural Aula Valladolid.
- Sandra Santiago asinou oito tantos e Pauli Fernández moitos momentos de gran xogo.
O Mecalia Atlético Guardés sumou en Valladolid o seu primeiro punto do curso como visitante tras cultivar un empate a 31 nun vibrante partido fronte ao Caja Rural Aula Valladolid. Esta igualada deixa á escuadra miñota con sete unidades, comodamente situada na quinta praza da clasificación, agora que chega o parón na liga Guerreras Iberdrola.
O Europeo de Eslovenia, Montenegro e Macedonia do Norte, que comeza o 4 de novembro, provoca que a competición ligueira quede en pausa ata o día 26 dese mesmo mes, cando a División de Honra regresará ao grande co derbi galego na pista do Conservas Orbe Rubensa BM Porriño.
Foron táboas, pero non faltou demasiado para que o Mecalia Atlético Guardés puidese celebrar a primeira vitoria a domicilio. Unha gran acción defensiva permitiulle roubar a pelota a falta de seis segundos e dispoñer dunha última opción de lanzamento. Pero Patrícia Lima foi freada en falta e a central portuguesa non puido anotar no golpe franco directo xa fóra de tempo. Foi o epílogo a un partido aloucado, con constantes alternativas no marcador e moitos goles.
O Aula non perdonou os pequenos erros do Atlético Guardés
É o xogo que propón Caja Rural Aula Valladolid e o Mecalia Atlético Guardés non está incómodo nel. Por iso foi por diante no marcador no primeiro tramo do primeiro acto. No seu ecuador chegaron algúns erros e o conxunto valisoletano non os perdoou. Á carreira. Así lograron as pupilas de Miguel Ángel Penas, que foi expulsado no minuto 19, irse con dous goles de vantaxe ao descanso.
Na continuación, a cousa púxose fea para as xogadoras de Abel González. Ata catro goles de renda lograron as locais, que tiñan en Jimena Laguna e O’Mullony os seus principais argumentos deportivos e en Carmen Sanz, a solución na portería con varios penaltis detidos.
Entón chegou a reacción. Pauli Fernández asumiu galóns a pesar da súa mocidade e coa verticalidade que a caracteriza rascou varios goles. E nesa sorte, Sandra Santiago volveu mostrarse como un puntal. A cañonera de Águeda asinou oito dianas en Valladolid.
Desa forma, o Mecalia Atlético Guardés neutralizou a vantaxe e entrou ao últimos dez minutos por diante (26-27). Aí xogou as súas cartas o cansazo, con imprecisións en ambos os bandos, e ao final o empate reflectiu a igualdade de forzas e o disputado do choque.
Agora, parón competitivo dun mes. O Europeo pasa a adquirir o protagonismo.
FICHA TÉCNICA
31) CAJA RURAL AULA VALLADOLID (19+12): Garnacho (p.), Elba Álvarez (1), Jimena Laguna (7), Corimberto (4), Blanco (1), Inoa Lucio (2), O’Mullony (8), Carmen Sanz (p.), Benedetti (1), Alicia Robles, Botella (2), Tere Álvarez, Bazco (1), Savina Bergara (2) e Amaia González de Garibay (2).
31) MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (17+14): África Sempere (4), Sandra Santiago (8), Giselle Menéndez (1), Ángela Nieto (2), Pauli Fernández (5), Míriam Sempere (p.), Cristina Cifuentes (4), Patrícia Lima (2), Celia López (2), Elena Amores, Carla Gómez (1), María Sancha (2), Marisol Carratú (p.) e Daniela Moreno.
EQUIPO ARBITRAL: Raúl Oyarzun e Aritz Zaragueta. Excluíron dous minutos á xogadora visitante Sandra Santiago. Descalificaron con cartón vermello a Miguel Ángel Peñas, entrenador local (min. 19).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 4-5, 6-8, 9-9, 11-12, 15-14, 19-17 – descanso – 21-18, 24-21, 26-24, 26-27, 29-28 e 31-31.
INCIDENCIAS: Partido da sexta xornada da Liga Guerreras Iberdrola, disputado no pavillón Huerta del Rey de Valladolid.