O Dépor ABANCA ten traballo por diante para dar a súa mellor faciana nesta tempada. Non amosou mordida neste primeiro partido da tempada 2025-26 na Liga F que xogou na súa casa, Riazor, contra do FC Badalona Women ante algo máis de 1.000 seareiras. Houbo imprecisións nos pases e, nomeadamente nos últimos metros.

O resultado do partido: táboas. Un 0-0 que fai xustiza a un partido no que ningún dos dous rivais fixo méritos abondo para levar os tres puntos. Pero isto é só o primeiro chanzo dunha competición moi longa, un partido que seguro que ao Dépor ABANCA lle serve para aprender e mellorar, algo lóxico neste momento da competición. Xustamente iso dicía en rolda de prensa o técnico das branquiazuis, Fran Alonso, que o debut en Riazor das Nosas deportistivas ante o FC Badalona Women foi un “bo partido para aprender e para mellorar”.
Ver esta publicación en Instagram
Viuse un conxunto sen profundidade, con demasiados toques atrás, sen chegada. O Dépor ABANCA contaba con posesión, pero non aportaba perigo.
Non foi quen de adiantarse aos movementos do FC Badalona Women e roubar balóns por anticipación. As imprecisións nos pases e nos últimos metros foron a puntilla a falta de pegada das branquiazuis.
A Ainhoa Marín faltoulle unha compañeira de baile que pense en vertical coma ela para xuntas poñerlle gasolina ofensiva a este Dépor ABANCA ao que lle faltaron cabalos para ter a potencia que precisa para non pasar apuros na máxima categoría. A ausencia por lesión de Millene fíxose notar. Tampouco estivo Vera Martínez que tamén era baixa por lesión.

No outro bando, o FC Badalona Women tampouco foi un rival que levara perigo á meta defendida pola lusa Inês Pereira. E as poucas veces que chegou, a portuguesa volveu amosarse incontestable baixo paus.
O 0-0 foi un resultado xusto dado que as chegadas dunhas e outras non supuxeron un perigo notable para as cancerbeiras.
Intentárono no tempo engadido unhas e outras pero sen éxito. O partido finalizaba cun remate de Espe Pizarro que saíu fóra dos tres paus por pouco, aínda que a acción estaba invalidade por fóra de xogo da deportivista. ESe último cartucho, con pase de Bárbara e o remate da uruguaya deixaron un bo sabor de boca no último suspiro. Este Dépor ABANCA pode dar máis en ataque, pero ten traballo por diante.
Debut na Liga F de dúas canterás do Dépor ABANCA
A mellor das novas foi o debut na Liga F de dúas futbolistas da canteira deportivista: Paula Monteagudo (que saía de inicio ao igula que Elena), e Paula Redruello ‘Redru’.
Ver esta publicación en Instagram
Antes deste primeiro partido de competición na Liga F 2025-26 na pretempada o Dépor ABANCA colleitaba 3 vitorias, 2 derrotas e 1 empate. Chegou a anotar 13 goles e a recibir 5.
Na rolda de prensa, o técnico branquiazul, Fran Alonso manifestaba: “Fumos tendo ocasións cara ao final. Fumos medrando e á última hora puidemos gañar os 3 puntos, pero sumamos que é positivo. Sei que podemos mellorar moito e estou contento”.
A adestradora do FC Badalona Women , Ana Junyent tamén vía como positivo puntuar e era consciente de que queda moita liga por diante.
🎙️ Les declaracions de l’Ana després de l’empat d’avui#fcbadalonawomen #weareona pic.twitter.com/GS7STEM1rB
— FC Badalona Women (Aka ONA) (@elnostreclub) August 30, 2025
FICHA TÉCNICA
0) DÉPOR ABANCA: Inês Pereira, Samara (Espe Pizarro, min. 64), Henar (Redru, min. 64), Marina Artero, Paula Gutiérrez (Lucía Martínez, min. 76), Olaya, Monteagudo (Cavanagh, min. 84), Ainhoa Marín, Marisa (Bárbara, min. 76), Elena e Barth.
0) FC BADALONA WOMEN: Canales, Garrote (Barclais, min. 69), Manjarín, Llompart (Kullashi, min. 83), Banini, Julve, Itzi, Chamarro, Ana G. (Lorena, min. 69), Cubedo e Junge.
EQUIPO ARBITRAL: Melissa López, do comité extremeño. Amonestó a Elena (min. 13), Ana G. (min. 25), Junge (min. 42), Henar (min. 55) e Lucía Martínez (min. 90+4).
INCIDENCIAS: partido da 1ª jornada de Liga F disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.065 seareiras/os.





















