Un empate para seguir crecendo. A Selección Galega Sub-17 sumou un punto na súa estrea na fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) ante Asturias. En moitos tramos do partido as de Quin Valbuena foron superiores ao rival, pero non puideron sumar a primeira vitoria do campionato.
A primeira metade foi moi disputada, aínda que as ocasións claras de gol brillaron pola súa ausencia. A Selección Galega golpeou primeiro na recta final da primeira parte grazas ao tanto de Antía Mayo á saída dun córner. Marta Rico golpeou desde a esquina e Antía Mayo rematou coa cabeza no primeiro pau. Corría por aquel entón o minuto 38 do enfrontamento.
Co 0-1 chegouse ao descanso. Tras o paso polos vestiarios a decoración do envite apenas cambiou, aínda que Asturias foi capaz de empatar o partido no minuto 48 ao transformar Oli un penalti cometido por Paula Novo.
O partido rompeu co paso dos minutos. Galicia foi arriba con todo, pero non estivo fina nos últimos metros. A segunda batalla para as nosas será este sábado a partir das 12 horas no mesmo escenario ante País Vasco, segundo informa a RFGF.
FICHA TÉCNICA
1) ASTURIAS: Alba; Denis, Andrea, Sara, Marina, Alba Fernández, Oli, Cova, Alicia, Ainoha e Irene. Tamén xogaron Nayra, Carla, Marina, Karla e Alba.
1) GALICIA: Antía; Uxía Varela, Carla Riomao, Paula Novo, Laura Testa, Marta Rico, Andrea, Nuria, Uxía López, Brage e Antía Mayo. Tamén xogaron Sara Pena, Carla Amado, Sara García, Laura Otero e Fara.
GOLES: 0-1 Antía Mayo (min. 38). 1-1 Oli, de penalti (min. 48).
EQUIPO ARBITRAL: Juan Ignacio Rovelli.
INCIDENCIA: Primeira xornada da fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. San Juan Bosco Los Dolores (Cartagena).