Hai pouco que vén de fichar como adestradora do Independiente de Valle de Ecuador. A do Barbanza, Susú Cores, xa tiña rachado teitos de cristal ao se converter na primeira muller en dirixir un equipo masculino de fútbol na Preferente galega, o Boimorto.
A adestradora riveirense acaba de deixar o fútbol galego para afrontar o reto de ver de conquerir a liga feminina ecuatoriana co Independiente del Valle e xogar a Copa Libertadores. Ata ese momento, Susú Cores era a Seleccionadora Galega Sub 15 de fútbol. Cores foi, ademais, a primeira muller en dirixir un equipo masculino na Rexional Preferente en Galicia, o Boimorto. Esta conversa mantíñamola con ela antes de facerse pública a súa marcha a Ecuador. Xa entón tiña claro que “hai que aproveitar o momento. Facernos valer e demostrar o que podemos facer”.
A.N.: O papel da muller no deporte e xa igualitario ou aínda queda?
Susú Cores: Non. Agora mesmo avanzamos moito, pero aínda non estamos ao mesmo nivel, non se nos considera a o mesmo nivel.
A.N.: Ao respecto da anterior pregunta, responde Galicia ao patrón estatal ou observas diferencias? En caso de ver diferencias, a situación galega sería mellor ou peor que a estatal?
Susú Cores: No fútbol en Galicia estase a facer moito para que na base as nenas vexan que poden competir e estar ao mesmo nivel que os homes. Estase cumprindo aquí. Aínda non estamos ao mesmo nivel, pero estanse facendo estratexias cara á igualdade.
Susú Cores, adestradora: “Aínda non estamos ao mesmo nivel, pero estanse facendo estratexias cara á igualdade”
A.N.: En que momento da túa vida tropezaches por vez primeira cunha discriminación por xénero no deporte? Que pasou?
Susú Cores: Non sufrín discriminación. Nunca tiven limitacións para facer o que me gustaba. Si me atopei con barreiras. Pero, nunca me limitou para nada.
A.N.: Observas que por ser muller existen maiores dificultades para a práctica deportiva a niveis de competición?
Susú Cores: Hai maior dificultade pola sociedade. Avanzamos moito, xa non é o de antes. Limitan cousas como pensar en ‘deportes de chicas’ ou ‘de chicos’. É unha cuestión social que se limite por xénero para practicar deportes.
A.N.: Na túa opinión, hai teitos de cristal para o acceso da muller a diferentes postos no mundo do deporte á marxe do papel de deportistas (adestradoras, directivas, preparadoras físicas, etc)?
Susú Cores: Hai. Vexo complicado que unha muller poida pertencer a un club profesional masculino. Temos que loitar por iso. Tampouco había ningunha muller adestrando en Preferente. En Boimorto déronme esta oportunidade. Quixeron e propuxéronme adestrar.
Pasiño a pasiño imos rompendo barreiras. Lembro que unha vez perdemos 5-0 e houbo comentarios do tipo “isto é por que é muller”. Non mo din a min directamente, trasládaselle ao club. Pero sempre tiven o apoio do club.
Tamén lembro algún comentario desde a bancada preguntando se estaba ligando cando falaba cun árbitro. Hai que facer oídos xordos. Falando de fútbol se pensa que os que saben son os homes, pero é unha cuestión social.
Susú Cores, adestradora: “Falando de fútbol se pensa que os que saben son os homes, pero é unha cuestión social”
A.N.: Con respecto a cando empezaches a túa vinculación co deporte, hai agora menos trabas?
Susú Cores: Cando eu empecei a xogar en Galicia eramos poucos equipos. Agora hai máis conxuntos e hai competicións femininas de base en España, e en Galicia. Avanzouse moitísimo.
A.N.: Cales consideras que son os principais atrancos que ten hoxe unha muller para desenvolver unha carreira deportiva?
Susú Cores: Os sociais. Non estás igual de pagada cos homes, cada vez máis, pero aínda non podes ser profesional. E se queres ter un fillo, limítate.
A.N.: Pódese vivir do deporte sendo muller?
Susú Cores: Eu coñezo a mulleres que viven do deporte. É complicado. En Galicia moito máis. Está o caso de Vero Boquete, que tivo que marchar fóra. É complicado. O convenio senta uns mínimos. No fútbol feminino, ata hai uns anos, os adestramentos eran ás 21:00 horas por que viñas de estudar ou traballar. E para xogar tiñas que cambiar quendas.
O convenio é un pasiño pequeno, pero no fondo é un paso grande. Establécense uns mínimos que recoñecen que somos futbolistas facendo un traballo. É moito máis simbólico que a cantidade que se reflicta no convenio. Estamos aquí e temos un convenio é moi importante.
Susú Cores, adestradora: “coñezo a mulleres que viven do deporte. É complicado. En Galicia moito máis”
A.N.: Como limita a progresión ter que compaxinar a práctica deportiva con outro tipo de actividades profesionais?
Limita moito. Se tes que adestrar de noite logo de estar traballando ou estudando todo o día, iso nótase a nivel físico ou mental. Ao final tes que buscar unha saída laboral por que co deporte non vives. É esgotador. É difícil compaxinar iso.
Pola contra, un home é futbolista. En categorías baixas xa cobran, xa cotizan. Facemos o dobre ou o triplo de esforzo para poder chegar. Non temos tantas facilidades. Somos fortes e loitamos polo que queremos. Por iso saen as cousas, por que loitamos. Pero hai que seguir avanzando.
Susú Cores: “Hai que seguir normalizando desde as institucións e dando visibilidade ao deporte feminino”
A.N.: Que mudarías do deporte actual para camiñar cara a unha igualdade plena?
Susú Cores: Seguir traballando e normalizando desde as institucións. Dando visibilidade ao deporte feminino. Que se vexa na tele. Que se nos vexa como deportistas, que se vexa unha igualdade. Que se se retransmiten os partidos masculinos, tamén se faga cos femininos. Por exemplo, co Dépor feminino vemos que se pode ser profesional. É imprescindible ter referentes.
Susú Cores, adestradora: “É imprescindible ter referentes”
A.N.: Hai quen avoga polo deporte mixto máis aló da base como unha posibilidade? Es partidaria?
Susú Cores: Ata unha idade si é bo que o deporte sexa mixto. Ata cadetes. Logo xa hai diferencias físicas que son inegables. A niveis de forzas e condicións, somos diferentes. A partir de aí que cada un compita co seu. Pero non é menos espectáculo nin se devalúa o deporte. Non sería bo para ningún dos dous.
A.N.: Cres que o deporte feminino está a vivir un momento doce?
Susú Cores: Si. Quédanos moito pero agora mesmo estásenos valorando, dándosenos publicidade e visibilidade para que as que veñen por detrás o teñan máis doado. Hai que aproveitar o momento, hai que aproveitalo, facernos valer, demostrar que podemos facelo. É o momento idóneo.
Susú Cores, adestradora: ” agora estásenos valorando, dándosenos publicidade e visibilidade para que as que veñen por detrás o teñan máis doado. Hai que aproveitar, facernos valer e demostrar que podemos facelo”
A.N.: Ao fío desta última pregunta valora de 0-10 (sendo 10 o mellor) o momento actual do deporte feminino nestes ámbitos:
Susú Cores:
- Resultados deportivos ______________________ 10
- Visibilidade en xeral na sociedade __________ 6
- Repercusión mediática ______________________ 6
- Apoio de seareiros/as _______________________ 8
- Patrocinios __________________________________ 5
- Apoio das diferentes administracións ______ 7,5