O streaming é unha realidade cada vez máis común no mundo do deporte. Cada fin de semana distintas plataformas ou canles en redes sociais retransmiten eventos deportivos en directo de baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol, rugby, hoquei, ximnasia ou atletismo entre moitas outras.
Burela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense ou A Guarda son algunhas das cidades e vilas desde as que distintos clubs deportivos galegos sérvense destas novas tecnoloxías para ampliar fronteiras visibilizando competicións e partidos.
As novas incorporacións ao mundo do streaming
A crise sanitaria provocada pola COVID-19 impediu que as afeccións reuníranse cos seus equipos xornada tras xornada, pero non diminuiu o interese polo deporte galego.
Por iso, plataformas como Youtube o Facebook serviron de base para que moitos clubs comezasen a facer transmisións vía streaming, máis ou menos profesionais, dos seus partidos.
É o caso do CV Calasancias. O club de voleibol coruñés xa tiña contas en redes sociais e en Youtube, onde antes se limitaba a colgar os partidos xa grabados. Todo cambiou este ano, cando os familiares e afeccionados deixaron de poder acceder ás pistas pero querían seguir a progresión das xogadoras. Agora, ademais de facer os directos, persoal do club e xogadores doutras categorías participan como comentaristas.
“Queríamos dar ese servizo para que poidesen ver ás xogadoras, aínda que non fose en persoa”, recalcan desde o club herculino. O uso das redes supón unha ferramenta para aumentar a visibilidade do deporte, e as competicións femininas non son unha excepción. Ademais, contan co apoio e fomento da Federación Galega de Voleibol.
O motor principal desta iniciativa estivo nas categorías inferiores, onde o número de fichas aumentou desde a pandemia. “Cremos que en parte é por isto e porque hai moitas competicións paradas e a xente quere facer deporte”, declaran.
CV Calasancias: “Queríamos dar ese servizo para que poidesen ver ás xogadoras, aínda que non fose en persoa”
O mesmo sucede no CV Ourense, que conta co equipo do Aceites Abril en Primeira División e o Praia Milenio na Liga de Inverno. O club realiza os streamings a través de Facebook e coas familias das xogadoras en mente.
O Concello de Ourense
Outro exemplo é o Cidade de As Burgas, que o fai en colaboración co Concello de Ourense. O goberno local ofreceulle este servizo a distintos clubs da cidade, entre os que se encontra o equipo de futsal.
Desta forma, os seus partidos poden seguirse a través da canle de Youtube do Cidade e do Concello; “unha vantaxe e un adianto”, en palabras das verdibrancas. Ademais, isto non lles supón ningún gasto económico e “socialmente benefícianos. Hai xente de fóra de Ourense que nos segue e agora poden ver cada partido”.
Aínda que está a ter moi boa acollida entre as siareiras, as ourensás subliñan que isto non se traduce en menos público na bancada (do que pode haber). “O tema taquilla segue igual, non temos menos xente por culpa do streaming, e non supón ningún gasto”, afirman.
No caso do seu rival no futsal ourensán, o Ourense Envialia, as retranmisións corren a cargo do propio club desde a súa canle de Youtube. Debido á irregularidade desta tempada tan inusual, non cadrou aínda a colaboración co goberno local para os streamings, “pero dende logo si que hai opción e aproveitaremos o estupendo traballo e iniciativa do Concello”, aseguran desde o equipo.
Envialia: “Queremos ir mellorando pouco a pouco pero hai que entender que os recursos son limitados e todo o que se fai faise de forma altruista”
Nas emisións do Envialia aínda non participa ningún comentarista, pero as ourensás esperan poder contar con alguén pronto. “Trataremos de conseguilo para futuras emisións, é algo que a xente pide e ademáis entendemos que enriquece moitisimo a transmisión. Queremos ir mellorando pouco a pouco pero hai que entender que os recursos son limitados e por desgracia todo o que se fai faise de forma altruista”, declaran.
Queda marxe de mellora, pero desde o club de futsal piden comprensión coa calidade dos seus streamings. “Todo é de forma altruista, polo tanto non está ahora mismo no noso alcance facer un despliegue enorme na retransmisión. Imos aprendendo e mellorando pouco a pouco. Dende logo, recollemos calquera comentario para mellorar, o que non entendemos son as faltas de respeto ou mala educación”, explican desde o Envialia.
Malia as dificultades, aseguran que farán todo o posible por mantelos, “para darlle esa visibilidade necesaria ao noso deporte” e, de paso, aproveitalos no nivel deportivo para facer scouting das rivais. “Aínda que iso xa se facía porque un altísimo porcentaxe dos equipos graban os encontros e súbenos a unha plataforma para que todos teñan acceso a eles”, explican.
Federación Galega de Atletismo: “Cumprimos cun servizo público”
O BAXI Ferrol, entre os veteranos
Por outra banda, se ben a limitación de aforos causada pola pandemia aumentou o uso desta técnica, moitas entidades xa eran veteranas no seu uso.
O BAXI Ferrol foi un pioneiro nas transmisións deportivas. O seu camiño comezou no 2008, aínda en formato analóxico, cando non o facía ninguén. “O streaming abréche ao mundo”, recordan desde o club universitario.
BAXI Ferrol: “O streaming abréche ao mundo”
Esta foi a motivación principal que os levou a dar o paso, cando emitir partidos de baloncesto feminino en directo semellaba unha realidade dun futuro aínda lonxe. O BAXI foi un dos primeiros equipos en entender a importancia de ter presencia na rede e tempo despois deron o salto ao dixital, sendo innovadores na retransmisión en alta calidade.
“Hoxe se non estás en Internet, non existes. Nós, ao darnos a coñecer en Internet, demos un salto de calidade importante e dalgunha forma rematamos sendo un club agradable, simpático e coñecido por moita xente de toda España e doutros sitios”, sinalan.
O baloncesto feminino, ao contar con moitas xogadoras estranxeiras, síguese moito fóra de España en países como Estados Unidos, Australia, Bélxica ou Dakar. Isto ten tamén consecuencias máis aló das deportivas. “Se están vendo en todo o mundo os partidos. Ao final, xa non é que esteas vendo ao CB Arxil de Pontevedra, é que estás visibilizando a Pontevedra como cidade”. Esta afirmación faina Rafa Sabugueiro, un produtor que sabe ben do que fala. Sabugueiro leva unha década grabando partidos de básket e seis anos transmitindoo en directo. A súa empresa adícase principalmente á facer os streaming dos partidos do Arxil e do Celta Zorka Recalvi.
Máis que un gasto, unha inversión
“O streaming non deixa de ser unha inversión. Hai unha cantidade de impactos publicitarios tremenda. Se pos un banner nunha retransmisión quen ve o partido o ten que ver si ou si”, recorda Sabugueiro.
Ben usado, esta pode ser unha ferramenta importantísima nas labores de marketing dos clubs deportivos, pero aínda resulta complicado chegar a eles “porque o toman como un gasto, aínda que cada vez o entenden mellor”.
Rafa Sabugueiro (produtor): “Se pos un banner nunha retransmisión, quen ve o partido o ten que ver si ou si”
Un deses clubs é o Celta, que leva un par de tempadas facendo transmisións e estrouse este ano coa produtora de Rafa Sabugueiro. Nano Ameneiro e Pedro Alfonso Preciado forman un tándem de comentaristas que xornada tras xornada narran as xogadas celestes.
O streaming supón un desembolso económico, pero tamén é cuestión de “coidar a imaxe e profesionalidade do club”, declaran desde o Celta. “Non deixa de ser un custo importante que actualmente non produce beneficio económico como tal, pero é un ámbito a explorar por parte dos clubs”, engaden.
“Sabemos que o noso público ve os partidos a través de Internet pero, en xeral creceu, porque a xente xa ten o hábito de ver os partidos desde a casa. Eu mesmo conéctome as fines de semana e vexo calquera cousa de Liga 2”, explica Ameneiro. Unha competición que as viguesas recoñecen como semiprofesional e na que “a xente é moi colaborativa e está moi agradecida de que se retransmitan os partidos”.
Os agradecemos mucho la cantidad de elogios que nos hacéis llegar por la transmisión.
🎥🏀 Los “responsables” de todo son RSProvideo, un lujo que podemos disfrutar gracias a sus excelentes profesionales!! https://t.co/vgMGuf5Y2y— CELTA BALONCESTO 💙 (@Celtabaloncesto) December 13, 2020
Especialmente destacada foi a transmisión do derbi entre o Celta e o BAXI. Con diversas cámaras e emisión dos tempos mortos directamente desde os bancos, o duelo galego foi un exemplo de boa cobertura e realización audiovisual nunha transmisión feita a través dun formato de streaming.
“Se o ensinas mellor, se fas planos a pé de pista, se ves as reaccións das xogadoras, se das moito máis que a cámara soamente vaia de esquerda a dereita seguindo o xogo, o fas moito máis atrativo”, explica o produtor.
Rafa Sabugueiro: “O Celta-BAXI foi un punto de inflexión porque demostramos que podemos facer cousas que fan as televisións grandes e xeneralistas ou os grupos grandes”
En resumo, esta cita “foi un punto de inflexión porque demostramos que podemos facer cousas que fan as televisións grandes e xeneralistas ou os grupos grandes de empresas”.
Se queres volver desfrutar do derbi entre o Celta e o BAXI podes facelo nesta ligazón.
Pola súa parte, como afeccionado ao básket, Sabugueiro recalca que esta inversión en emitir os partidos en directo serve para manter a fidelidade co público “que sempre estivo aí e sempre apoiou. Agora é o momento de devolverllo”.
O produtor insiste en como, unha boa transmisión cun espallamento de medios, enriquece moitísimo o deporte. “Detrás de todo isto está visibilizar o que facemos. Poñer en valor o básket, ou calquera outro tipo de deporte”, sentencia.
Precisamente, o baloncesto é un dos poucos deportes que centraliza a retransmisión dos seus partidos. Cada xornada, no Canal FEB pode consultarse a parrilla, que inclúe partidos masculinos e femininos de distintas categorías e campionatos.
Sabugueiro móstrase partidario deste tipo de sistemas. Nas súa opinión, “é unha canle que funciona ben, pero que podería mellorar a nivel visualización de páxina. Pero creo que é unha ferramenta que está funcionando ben porque podes ver nunha fin de semana infinidade de partidos”.
Non se mostran tan partidarios desde o BAXI Ferrol. “A Federación, desde unha posición un pouco prepotente, non permite que se fagan por outra vía”, denuncian desde o club universitario.
As ferrolás consideran que os equipos deberían percibir ingresos polos streamings comercializando os dereitos, como se fai no fútbol. “Isto son cousas que ao final doen, porque ao final a imaxe que se vende é a dos clubs, polo que deberían ser eles os posuidores deses dereitos e quenes puideran comercializalos”, conclúen.
O papel das produtoras á hora de externalizar o servizo
Ademais da produtora de Rafa Sabugueiro, outras empresas do sector audiovisual tamén se especializaron na retransmisión en streaming de distintas disciplinas deportivas.
É o caso de Hockey Global, que comezou hai trinta anos como un portal de vídeos de hoquei, incluso comprando vídeos a televisións como TVG, TV3 ou TV3. Desde hai tres anos, transmiten en directo cada semana e agora, son un dos patrocinadores do HC Borbolla desde o inicio desta tempada.
Tal e como recorda Óscar Romay, os seus primeiros pasos nos directos do hoquei feminino remóntanse ao 2014, cando colaboraron coa Federación Galega de Patinaxe, cos playoffs de Liga galega e repetiron no 2018 coas fases a catro.
A súa ampla experiencia permitiu que souberan adaptarse ben ao parón competitivo e, de facer streamings, pasaron a realizar entrevistas a xogadoras e xogadores. A primeira delas foi a coruñesa María Sanjurjo, campioa do mundo e xogadora do Telecable de Gijón, un dos clubs pioneiros na retransmisión en directo.
Con todo, desde a empresa admiten que, polo de agora, o hoquei feminino ten menos audiencia. Unha das causas débese á peor calidade dos directos, ao ter que realizalos desde pistas con peores conexións, como é o caso de Monte Alto, na Coruña. De todas formas, aseguran que o interese do público é crecente.
Na máxima categoría do balonmán, o Atlético Guardés traballa con Aleuto SL para as retransmisións deportivas, xa que na Liga Guerreras a Federación Española obriga a facer o streaming.
Precisamente, a Federación é dona dos dereitos de retransmisión, pero “non poñen problema para que emitan as televisións autonómicas”, sinalan desde o club galego. Así, os directos “son un bo escaparate para o balonmán feminino que, ademais, compleméntase con outros partidos emitidos por Teledeporte ou a TVG no noso caso”, declaran.
A nivel só galego tamén está Galician Sports, unha empresa que emite en directo as competicións de ximnasia rítmica e ven de asinar este 2020 un convenio coa Federación Galega de Balonmán.
Desde a empresa consideran que o que fan “é un servizo que, ao ser os partidos a porta pechada ou con límites de aforo, é unha labor moi necesaria”.
No relativo á audiencia, confiesan que a ximnasia rítmica é a que máis move á xente, xa que “son máis específicos os campionatos. Non é como ter un partido cada fin de semana, é máis focalizado”. Ademais, é un deporte que se ve tanto en España como no estranxeiro a partes iguais.
A isto engaden que “o que vemos sempre é que os deportes femininos cada vez collen máis audiencia e creo que subirán moito máis”. O momento actual, consideran, é de auxe e a importancia que se lle está dando ás mulleres no deporte ten unha tendencia moi boa cun alto nivel.
Ademais, antes eran os encargados de transmitir os partidos do CRAT Residencia Rialta que agora, debido a un convenio con Cesuga, fai os streamings coas estudantes da súa escola de imaxe e son.
No caso do rugby feminino, ao non ser unha competición profesional, os clubs non teñen dereitos de transmisión e non perciben ingresos polos streaming pero a Federación obriga a facelo nas máximas categorías.
No club herculino, aproveitan o espazo dos directos para poñer a publicidade dos seus patrocinadores, os seus socios colaboradores, que na súa maioría son pequenas e medianas empresas. Por este motivo, “sabendo como están as cousas, para as pymes non pedimos ningunha aportación”.
O caso do CV Arenal Emevé é similar. O presuposto das lucenses é moi axustado, e os custes da realización do streaming, moi altos. Por iso, sempre buscaron chegar a acordos de colaboración.
Finalmente, conseguironno coa produtora de Lugo Lecer Audiovisual. Mediante un acordo de patrocinio, dándolles visibilidade, e unhas aportacións simbólicas, o club de voleibol sufraga os gastos das transmisións, á vez que acadou “un salto de calidade abismal”.
O acordo con Lecer forma parte de todo o seu plan de subir de nivel no ámbito comunicativo, desde as redes sociais ao márketing, pasando, como non podía ser doutra forma, polo streaming.
Agora, os partidos das Loitadoras pódense ver en directo grazas a unha transmisión con tres cámaras fixas e unha móbil. Da parte técnica encárgase a produtora, mentres que dous pais de xogadoras levan os comentarios, para “facer unha transmisións simpáticas, divertidas e amenas, para que a xente que ve o partido desde casa nestes momentos complicados poida desfrutar e pasalo ben cun deporte tan bonito como o volei”.
Sexa con medios máis rudimentarios e desde os clubes, ou contratando a profesionais e medios, se en algo coinciden todas as entidades, é na importancia de visibilizar o deporte feminino. O streaming convértese así nunha ferramenta perfecta para achegar este deporte a todas as persoas e incluso crecer profesionalmente no competitivo mundo do deporte.
E ti, descubriche algunha modalidade deportiva ou algún club grazas a este boom que están a ter as emisións en formato streaming?
Federación Galega de Atletismo: “Cumprimos cun servizo público”