Logo de seis xornadas disputadas na Primeira Iberdrola de Fútbol Sala, os conxuntos galegos que militan na máxima categoría do futsalfem estatal están a ter unha sorte dispar. O Poio Pescamar é segundo, o FSF Castro Bloques Cando se coloca na zona media (8.º), mentres que o Ourense OnTime está no posto 12 e o CD Burela FS é o pechacancelas logo da forte restructuración que as Guerreiras Laranxas viviron esta tempada.
Goleada do Poio Pescamar
Con media dúcia de partidos disputados nesta tempada 2025-26 da Primeira Iberdrola de Fútbol Sala o Poio Pescamar mantense invicto con 4 partidos gañados e 2 empatados. Na táboa, as conserveiras colócanse segundas con 14 puntos no seu haber. É o conxunto menos goleado da categoría con só 5 goles encaixados e o segundo máximo goleador con 26 goles no seu casilleiro, unicamente superado polas líderes, o Melilla CD Torreblanca (adestrado polo técnico galego Morenín) que suman 32 dianas. Nesta última xornada golearon ao CD Chiloeches cun rotundo 7-0.
Ver esta publicación en Instagram
Primeira derrota do FSF Castro Bloques Cando
As vermellas do FSF Castro Bloques Cando non pasan nin frío nin calor. Ocupan o posto oitavo na clasificación da Primeira Iberdrola de Fútbol Salacon dous partidos gañados, tres empatados e 1 perdido, polo que suman 9 puntos. Contan con 17 goles a favor e 11 en contra. Esta semana contabilizaron a súa primeira derrota. Foi na casa e pola mínima (2-3) contra da AD Ceuta FC que aproveitou para escalar postos a conta das galegas.
Ver esta publicación en Instagram
Triunfo de peso para o Ourense OnTime
O Ourense OnTime escapa da zona colorada polo de agora colocándose no lugar 12.º da táboa clasificatoria con 2 partidos gañados e 4 perdidos. Suman 6 puntos, 14 goles en contra e 18 a favor.
Na xornada sexta colleitaron unha vitoria pola mínima (3-2), pero ante un rival de zona alta, o Les Corts UBAE (5.º a un paso da zona noble).
Ver esta publicación en Instagram
Unha tempada de transición para o CD Burela FS na 1.ª Iberdrola
O lugar complicado é para o CD Burela FS que vive unha tempada de transición na que o equipo afronta moitos cambios ao perder xogadoras importantes e incluso ao seu técnico de tantos anos, Julio Delgado que este curso adestra ao FSF Castro Bloques Cando. Con el marcharon para o club de Outeiro de Rei futbolistas como Antía Pérez, Caridad García o Patricia Ortega. No banco do CD Burela FS está Belén Feal.

Nas baixas das lucenses hai que contabilizar tamén que marcharon para as filas do Poio Pescamar: Débora Lavrador, Carolina Pedreira e Noelia Montoro. Tamén deixaron as escuadras laranxa Dany Domingos e Cami Gadeia, que ficharon polo LBTL Alcantarilla, ou Irene Samper, que está ás ordes de Morenín no Melilla CD Torreblanca. Tampouco conta o conxunto da Mariña Dinha, Cilene ou Emilly Marcondes.
En definitiva a perda do seu patrocinador principal, Pescados Rubén, supuxo moitos cambios no CD Burela FS como para que non se resinta o bloque ata que tome forma o grupo e quede definido o estilo de futsal que a adestradora Belén Feal desexe que se vexa sobre o 40×20 cando movan a redonda as lucenses.
Xustamente nesta sexta xornada o CD Burela FS acadaba o seu primeiro punto ao colleitar un empate 3-3 diante do MRB Móstoles FSF. Foi en Vista Alegre, dante da súa afección.
As burelenses saíron á pista con todo o aprendido nestes duros encontros de inicio e sacaron a garra, cunha primeira parte na que dominaron o partido chegando ao descanso con dous goles de diferenza e cunha segunda parte que foi para o Móstoles que logrou remontar, poñéndose por diante, pero cun último tanto das burelenses nos últimos minutos as táboas volvero ao marcador.
Ver esta publicación en Instagram
Na sétima xornada da Primeira Iberdrola FS os conxuntos galegos xogarán os seguintes partidos:
- 18/10/25 11:00 h – Les Corts UBAE vs FSF Castro Bloques Cando. Un partido que pode servir ás galegas para subir postos ao medirse a un rival co que empatan a puntos.
- 18/10/25 17:00 h – CD Chiloeches vs CD Burela FS. Encontro fundamental para que as galegas acaden a súa primeira vitoria xustamente contra un rival directo dado que as do municipio de Chiloeches en Guadalajara son as penúltimas ao sumar un triunfo. De vencer, as Guerreiras Laranxas deixarían de ser pechacancelas.
- 18/10/25 17:00 h – Ourense OnTime vs Nueces de Ronda Atlético Torcal. Tamén as ourensás teñen un partido importante como locais. Enfróntanse ás súas inmediatas perseguedoras ás que superan por un único punto.
- 18/10/25 18:30 h – MRB Móstoles FSF vs Poio Pescamar. As conserveiras téñeno máis doado sobre o papel, logo, coma sempre, o que se viva sobre o terreo de xogo determinará se as de Móstoles eran ou non un rival asequible. O Poio visita a pista das décimas que conta con 8 puntos no seu casilleiro e tantos partidos gañados, como perdidos ou empatados (dous de cada).


























