Na mente das xogadoras do HC Borbolla á tranquilidade do traballo feito, súmabaselle o feito de que súa vitoria de onte colocaba ao equipo en postos de salvación. Todo indica, polo tanto, que o soño das coruñesas foi, esta noite, máis tranquilo que de costume. Con todo, o acougo que aporta saberse nun dos tres primeiros lugares achega unha relaxación que podería rematar hoxe mesmo coa disputa do resto de partidos da xornada.
Non o tiveron doado as tomatitas do HC Borbolla para se impór ao Areces Ecopilas Asturhockey. Pese a que as galegas querían facer valer o seu xogo máis sosegado sobre a pista do pavillón de Monte Alto, o certo é que as idas e vidas dunha portaría a outra, os chamados correrúas, puideron verse na cancha coruñesa en varios momentos do partido, máis dos desexados. O técnico local, Santi Martínez, admitía que esa meta non se puidera acadar, pese a que o resultado final do encontro fose positivo para os intereses das coruñesas.
A mellora do xogo do HC Borbolla é un feito. A madurez das xogadoras e a complicidade do bloque avalan unha madurez do equipo que nada ten que ver cos inicios de tempada, e fai ser optimista sobre o seu futuro neste curso 2020-21 na Ok Liga.
A permanencia semella, cada vez máis, algo alcanzable e tanxible nas filas do HC Borbolla. Poderá darse ou non ao final desta tempada, pero os bimbios agroman con raíces firmes.
O HC Borbolla abría o marcador cun gol de Lucía Yáñez aos dous minutos de xogo. A resposta das asturianas non chegaría até o minuto 18 da man de Adriana García que anotaba o 1-1, pese a que o dominio no xogo estaba a ser para as locais que adestra Santi Martínez. A mesma Lucía Yáñez asinaba o 2-1 no minuto 28 de xogo.
Co 2-1 no electrónico, a chilena Fernanda Muñoz non consegue materializar unha falta directa. O partido é un toma e daca de chegadas á área rival. Fernanda Tapias, forte e seguro baixo paus, conxuraba o perigo na portaría herculina.
O 3-1 producíase no minuto 43 de partido. O gol xorde dun lanzamento de penalti que non transforma Beatriz Pereira Varzeas. A propia lusa faise co rexeitamento e bate á cancerbeira asturiana, María Fidalgo.
Non acabou aí a versión máis anotadora do HC Borbolla. O 4-1 foi de novo unha pena máxima que esta vez si convertía no disparo inicial a patinadora portuguesa Bea Pereira Varzeas.
Antes do final aínda terían as galegas unha nova ocasión co lanzamento dunha falta directa da coruñesa Lara Yáñez, pero o marcador xa non se movería dese 4-1 até o final do partido.
FICHA TÉCNICA
4) HC BORBOLLA: Fernanda Tapia, Lara Yáñez, Fernando Muñoz, Beatriz Pereira Varzeas e Lucía Yáñez – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Marta Vilas, Antía Rivadas e Alba Díaz (C). Edén Avecilla (P.S.)
1) ARECES ECOPILAS ASTURHOCKEY: María Fidalgo, Olga Giménez (C), Beatriz Cadrecha, Silvia Cadrecha e Adriana García – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Judith Cobián, Alba Pampín e Iciar Montes. Victoria Novo Gacía (P.S.)
GOLES: 1-0 min. 2 Lucía Yáñez. 1-1 min. 18 Adriana García. 2-1 min. 28 Lucía Yáñez. 3-1 min. 43 Beatriz Pereira Varzeas. 4-1 min. 46 Beatriz Pereira Varzeas.
ÁRBITROS: Diego Garrido Areas, colexiado principal, Carlos Chouciño Fernández colexiado auxiliar. Amosaron cartón azul, no equipo visitante, á xogadora Beatriz Cadrecha Pérez, foi no transcurso da na primeira metade.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á terceira xornada do grupo que loita pola permanencia na Ok Liga Feminina, disputado no Pavillón de Monte Alto, con público pero con aforo reducido por mor das limitacións que indican as autoridades autonómicas para evitar a propagación do virus da COVID-19.
MIRA AQUÍ O PARTIDO DO HC BORBOLLA E O ARECES ASTURHOCKEY VÍA HOCKEY GLOBAL