Os conxuntos galegos que compiten na Superliga 2 (SLF2) afrontan a tempada dende perspectivas moi diferentes. Aínda que non está a ser un curso especialmente brillante para ningún dos dous equipos, a súa situación actual presenta contrastes significativos.
Por unha banda, o Club Instituto Zalaeta mantense asentado na metade da táboa da SLF2, unha posición que, lonxe de ser cómoda, lle permite traballar con certa tranquilidade de cara aos vindeiros encontros. O conxunto coruñés está a mostrar unha liña de xogo estable, que o aproxima cada vez máis ao podio da Superliga 2, aínda que, pese a todo, o cadro herculino conta con marxe de mellora en varios aspectos do xogo e debe loitar por chegar ao seu mellor nivel.
O certo é que intensidade e o esforzo que veñen amosando as xogadoras do plantel do Instituto Zalaeta fai pensar que poden aspirar a pechar o curso con sensacións moi positivas e, tal vez, acadar un posto destacable na clasificación.
Pola contra, a realidade é máis complexa para o Aceites Abril VoleyouOurense. Pese á vitoria lograda no último encontro (3-0), o equipo ourensán ocupa actualmente a 10ª posición da táboa, unha zona perigosa que o obriga as ourensás a sumar puntos se queren evitar complicacións maiores. O cadro galego precisa recuperar confianza e regularidade no xogo para acadar resultados positivos e afastarse definitivamente dos postos de risco.
Así, mentres o Zalaeta transita cun rumbo relativamente firme e expectativas de crecemento, o VoleyouOurense loita por recuperar as boas sensacións. A valiosa vitoria contra o Voleibol Astillero da pasada xornada supuxo un paso importante neste camiño e permitirá ao equipo encarar con optimismo o seguinte partido.
O Zalaeta cae pero non se rende
O pasado sábado, no Polideportivo Barrio de las Flores de A Coruña, o Club Instituto Zalaeta, dirixido por Jorge Barrero, sufriu unha derrota por 0-3 ante o UCAM Torrejón, un rival que se mostrou moi duro dende o inicio e non estivo disposto a poñerlles as cousas fáciles ás coruñesas. As madrileñas ocupan a terceira posición da clasificación ma SLF2, sumando 20 puntos, 7 máis que as galegas.
Na próxima xornada, o conxunto herculino enfrontarase ao outro equipo galego da Superliga 2, o Aceites Abril VoleyouOurense, o sábado 29 de novembro, ás 19:30 horas, en campo rival.
Ver esta publicación en Instagram
FICHA TÉCNICA
0) ZALAETA: Patricia Santos, Alba, Quirós, Carla Herrero, Jimena Gandoy, Andrea Rivas, Clara Barrios, María Forteza-Rey, Tania Alvite, Claudia Díaz, Inés Rivas e Noemí Sánchez.
3) UCAM TORREJÓN: Paula Esteban, Noelia Menéndez, Katarina Osadchuk, Beatriz Gutiérrez, Paulina Constanza Peruga, Ariana Rosciel Góngora, Paula Morales, Elena Martín, Adriana Orozco, Andrea David, Iris Álvarez e Anna Rola.
EQUIPO ARBITRAL: Francisco Barallo Busto
INCIDENCIAS: Partido correspondente á oitava xornadada Superliga Femennina 2 (SLF2), disputado no Polideportivo Barrio de Las Flores (A Coruña).
Vitoria de peso do VoleyouOurense na SLF2
O Aceites Abril VoleyouOurense conseguiu un importante triunfo o pasado sábado como local ante o Voleibol Astillero, por 3-0. Foi unha vitoria realmente valiosa ante un rival co que, agora mesmo, están empatadas a puntos (7) e que pode servir como impulso ao equipo dirixido por Pablo Pérez para continuar nunha dinámica positiva e afastarse do perigo que supón estar na parte baixa da táboa.
No seu vindeiro encontro, as ourensás do Aceites Abril Voleyourense enfrontaranse ao outro cadro galego da competición, o CV Zalaeta, un contrincante de peso e favorito sobre o papel. Con todo, o Aceites Abril terá ocasión de dar a sorpresa e facerlle fronte, o que lles suporía un respiro e unha inxección de enerxía para afrontar o que resta da tempada.
Ver esta publicación en Instagram
FICHA TÉCNICA
3) ACEITES ABRIL VOLEYOURENSE: Patricia González, Gladys Giiráldez, Rocío Blanco, Aida Pérez, Eva Seoane, Krisvany Linarez, Michell Karina Montaño, Alba Rodríguez, Carolina Franco, Nerea Piñeiro, Sara Bea e Lucía Lóopez.
0) VOLEIBOL ASTILLERO: Alexandra García, Saelia Crespo, Estela Alonso, Paula Cabarga, Yana Piantovska, Silvia Gómez, Marta Sarabia, Anamarys Díaz, Natalia Fernández, Paula Caloca, Sara Vergara, Ariane Márquez e Lucía Torre.
EQUIPO ARBITRAL: Raquel López-Brea Fernández
INCIDENCIAS: Partido correspondente á oitava xornadada da Superliga Femenina 2 (SLF2), disputado no Polideoprtivo O Pompeo (Ourense).





















