“O termo inclusión é un sinónimo do rugby”. Así de claro o ten Daniel Sever, presidente do BeOne Ribadeo Rugby, club impulsor do I Torneo de Rugby 7 Inclusivo que se celebrará esta fin de semana na localidade lucense con sete clubs galegos e asturianos.
Ata 80 xogadoras e xogadores citaranse o sábado 25 de setembro no Campo de Outeiro desde as 15:00 horas. O torneo, organizado en colaboración coa Fundación EDES e co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo, HAL21 Desarrollos, BeOne Fitness & Sport, OPRO e Deinde Sport estrearase na Devesa.
As deportistas pertencen a equipos e institucións como: Colexio Fundación EDES (Tapia de Casariego, Asturias), ColexioSanta María del Naranco – Alter Vía (Oviedo, Asturias), Asociación Llanerense de Rugby (Llanera, Asturias), CRAT Coruña (A Coruña, Galicia), Clube de Rugby Fendetestas (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, Galicia), Muralla Rugby Club (Lugo, Galicia), Clube BeOne Ribadeo Rugby (Ribadeo, Lugo).
Deporte para facer Camiño
A semente desta competición parte dun proxecto de difusión do rugby no rural galego, e este ano, aproveitando o Xacobeo, a iniciativa deu un paso máis e promocionará o Camiño do Norte á vez que difundirá o rugby inclusivo.
Antes desta fin de semana, a organización do torneo realizou unha particular peregrinación, colocando carpas informativas do proxecto Incluíndo co Camiño en Abadín, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo e Trabada.
Desta forma, ademais dos partidos, que serán sen contacto físico, o obxectivo do torneo é “promocionar tamén toda a zona da Mariña a través dos produtos gastronómicos e culturais, teremos exposicións artísticas con artistas locais, e esperamos actuacións de grupos tradicionais”, apunta o mandatario do Ribadeo Rugby.
O rugby, un deporte para todas
O deporte oval caracterízase polos seus valores, e por ser “un deporte no que non hai ningún tipo de exclusión, da igual a condición física, sexo, idade, non é excluínte. É dos poucos deportes que ata os 14 anos se practica a nivel mixto. Non hai separacións entre xéneros. O rugby aporta seriedade, compromiso e sobre todo unha igualdade patente en todos os ámbitos do campo”, explica Sever.
Ver iniciativas como a de Incluíndo co Camiño é cada vez máis común, xa que tal e como recalca o presidente do Ribadeo, “desde hai tempo no rugby se xoga tanto en inclusivo como a nivel paralímpico. A idea é darlle maior visibilidade para non ter a ese gran colectivo social apartado. A nivel feminino España é un referente en rugby, e a idea é pouco a pouco ir sacando máis torneos en máis lugares e que o día de mañá podamos ter englobado todo de maneira que sexa totalmente normal”.
O proxecto no futuro
Así, a intención da organización deste torneo é poder organizalo de maneira anual. Orixinalmente á cita ían acudir tamén clubs de Francia e Portugal, pero debido á COVID-19 decidiuse limitar a presenza de equipos.
Porén, Daniel Sever ten claro que o proxecto ten futuro: “Queremos darlle unha continuidade no futuro, con varios torneos ao ano, aproveitando que no sur de Portugal e España eles no momento cálido non poden xogar, pois esta zona de Ribadeo sería idónea. A idea é facer unha cada primaveira, ou cando a podamos facer, con clubs de Francia, Portugal, etc. A sede é en Ribadeo porque a Fundación EDER, que hai unha colaboración moi grande con ela, está preto”.
O presidente recalca como “desde o Concello déronnos moitas facilidades, así como desde os concellos mencionados anteriormente e desde a xefatura territorial da Xunta”. Pero o foco deste campionato, son as nenas e nenos.
“Van xogar en conxunto e o importante é que o pasen ben e desfruten, que eles son os protagonistas da historia”, apunta. Respecto ao público, calquera é benvido, e “se lle explicará para que entenda todos os conceptos do rugby”. Porque o rugby é para todas dentro e fóra do campo.