Hoxe sábado e mañá domingo, celebrarase en La Nucia (Alacante) os Campionatos de España sénior de combate e técnica de taekwondo. Un ano máis e a pesar das dificultades, Galicia asiste cunha destacada participación en ambas modalidades e co obxectivo de acadar grandes resultados, tal e como nos teñen acostumados.
No que atinxe ao Campionato de España de Técnica, dispútase hoxe sábado 29 de xaneiro (técnica) e o domingo (parellas e tríos en técnica e freestyle). En todos os casos serán as instalacións da Cidade Deportiva Camilo Cano as que acollan a competición. Agárdase a participación de case 50 taekwondistas galegos.
Este é o torneo que dá a puntuación máis alta para acadar a clasificación do Mundial de Korea, que se celebrará no mes de abril. Galicia conta con un bo número de deportistas nas listas de saída, pero toca confirmar as prazas.
No campionato de España do pasado ano, celebrado en Benidorm, a Federación Galega de Taekwondo logrou o primeiro posto na clasificación xeral por equipos tanto en técnica como en freestyle.
O listado de deportistas galegas/os que participan nesta cita pódense consultar nesta ligazón.
Campionato de España de Combate Sénior de taekwondo
Tamén o sábado 29 celebrarase o Campionato de España de Combate Sénior de taewondo, coa participación de 25 deportistas (14 mulleres e 11 homes).
Entre os convocados, os tres ouros do pasado ano (Arlet Ortiz, Tania Castiñeira e Iván García), que defenden o título, así como o resto dos medallistas (Sara Cortegoso, Alma Pérez, Pablo Patiño -pratas-, María Ferreiro, Ainoha García, Miryam García, Dessi Rivadulla e Manu Parada -bronces-).
No 2021, Galicia tamén logrou a primeira posición na clasificación xeral trala suma dos resultados da categoría masculina (1 ouro, 1 prata e 1 bronce) e feminina (2 ouros, 2 prata e 4 bronces).
Consulta aquí o listado das e dos deportistas galegas/os convocados para esta cita