A aposta da Federación Galega de Ciclismo polo ciclismo feminino traspasa fronteiras. A Selección de Breogán cruzará esta fin de semana sobre o río Miño para participar o sábado e o domingo na Volta ao Nordeste. Catro corredoras cadetes e tres juniors defenderán as cores de Galicia nas estradas portuguesas.
A convocatoria confeccionada polo selección Jacobo Ucha compóñena o cuarteto cadete formado por María Filgueiras, corredora do Río Miera Meruelo, aínda que adestra habitualmente co Club BTT Caimanes Betanzos, , Lorena Patiño (Compostelano-Muebles Compostela), Lara Fuentes (Cambre) e Lucía Ballester (Betanzos), e o trío xuvenil que integran Laura Mira (Supermercados Froiz), Carmen Mallo (Cambre) e Andrea Prado (Betanzos). A expedición da Federación Ciclismo Galego complétana Daniel López (mecánico) e Iván Losada (auxiliar).
A Volta ao Nordeste porá a proba ás ciclistas autonómicas tres semanas despois da súa participación no Campionato de España, onde Filgueiras conseguiu a medalla de ouro na contra o reloxo individual e Patiño fíxose co título en XCO, e cando resta un mes para que a Selección feminina xuvenil dispute en Euskadi a Bizkaikoloreak, cita da UCI Women Junior Nations’ Cup. O traballo da FCG vai encamiñado a ofrecer ás corredoras un completo calendario que inclúe competicións fóra de Galicia para axudalas no seu crecemento deportivo e fomentar o ciclismo feminino.
A rolda organizada pola Associação de Ciclismo de Bragança comeza este sábado cun percorrido entre Carrazeda de Ansiães e Vila Flor, de 93,4 quilómetros para as xuvenís e de 62,6 para as cadetes, con final en alto. O domingo as dúas categorías afrontarán a mesma distancia, 64,9 km, con saída en Vila Flor e chegada a Mirandela.