A Selección Galega Sub-15 estreouse da mellor maneira posible na fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA) de fútbol. As nosas derrotaron a Canarias (1-3) nun partido no que foron de menos a máis e sobrepuxéronse ao tanto canario no minuto 8. Un dobrete de Ana Capelo, que segue en estado de graza, e outro tanto de Maca deron o primeiros tres puntos do torneo a Galicia.
De inicio, as altas temperaturas xa foron facendo efecto nos dous contendentes. O primeiro en golpear foi o elenco canario no minuto 8 ao transformar Yaretzi un penalti cometido pola gardameta Antía.
Pese ao pau, as nosas non lanzaron a toalla nin moitísimo menos. Seguiron madurando o encontro e no minuto 25 apareceu Ana Capelo para empatar o envite. Co 1-1 chegouse ao descanso no San Juan Bosco de Los Dolores de Cartagena.
Tras o paso pola caseta, a adestradora da Selección Galega, Vicky Vázquez, axitou a árbore e Galicia ofreceu a súa mellor versión para acabar obrando a remontada.
Ana Capelo volveu tirar do carro e no minuto 68 aproveitouse dun erro da cobertura canaria para poñer por diante ás nosas. Xa na recta final, Maca uniuse á festa e puxo a firma a unha vitoria para seguir soñando, tal e como informa a RFGF.
FICHA TÉCNICA
1) CANARIAS: Daniela, Carla, Ana María, Marta, Thais, Elena, Raquel, Iratze, Yasmin, Martina e Marta. Tamén xogaron Adara, Natalia, Naiala, Sara, Yiseli e Yaretzi.
3) GALICIA: Antía; Sara Cuiñas, Noa, Elena, Laura Santos, Abril, Luci, Nara, Laurita, Minerva e Ana Capelo. Tamén xogaron Sara Couso, Luita, Sara Cercido, Luchi e Maca.
GOLES: 1-0, Yaretzi (10′). 1-1 Ana Capelo (min. 25). 1-2 Ana Capelo (min. 68). 1-3 Maca (min. 80).
EQUIPO ARBITRAL: Rubén Navarro.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á primeira xornada da fase de grupos da fase final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas (CESA). San Juan Bosco Los Dolores (Cartagena).