A Secretaría Xeral para o Deporte reuniuse coas Federacións Deportivas Galegas para informar das novas liñas de axudas de reactivación deportiva debido ás consecuencias da pandemia de COVID-19. O plan contará cun orzamento de catro millóns de euros.
A devandita convocatoria, que foi aprobada polo Consello da Xunta o pasado xoves e anunciada polo presidente na rolda de prensa posterior, ocuparase da reactivación da actividade deportiva competitiva no contexto da COVID-19. A convocatoria das axudas será publicada en vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia.
Liñas de actuación
O programa do Deporte Galego contará con tres liñas de actuación: axudas á competición oficial autonómica e á competición oficial estatal non profesional, axudas para a compensación da minoración dos ingresos procedentes da taquilla e dos aboados, e axudas ás federacións deportivas galegas pola minoración das cotas de inscrición nas competicións. As entidades beneficiarias poderán dispoñer dos pagamentos anticipados do 100% do importe da contía da subvención concedida.
A convocatoria enmárcase no Fondo de Consenso aprobado polo Parlamento galego, e polo que a Secretaría Xeral para o Deporte vén de recibir nas últimas datas 5,7 millóns de euros que se suman ao seu orzamento inicial. Deste investimento adicional, 1,7 millóns de euros foron xa destinados á unha segunda convocatoria de axudas para a adquisición de equipamentos -axudas que acadaron así un orzamento total de 2,6 millóns de euros e que inclúe material sanitario como equipamento de seguridade e prevención inventariable como consecuencia da COVID-19 (mamparas, sistemas de ventilación, sistemas de dispensadores de hidroxeles, sistemas de toma de temperatura, etc.)- e os restantes 4 millóns destínanse a esta liña de axudas de reactivación da actividade deportiva no contexto da COVID-19.
As resolución da convocatoria será publicada no diario oficial de Galicia nas vindeiras datas.