Debut redondo de Barbadás no calendario da Copa Galicia de Ciclocrós. O Club Ciclista Ourense Termal celebrou este sábado a primeira edición dunha cita deportiva na que o éxito organizativo se mesturou coa dureza dun circuíto técnico, a lama e os triunfos da provincia anfitrioa. O elite alaricano Iván Feijoo e a júnior macedá Sarela Conde outorgáronlle ao Academia Postal-Maceda as vitorias nas carreiras raíñas dunha xornada histórica para o ciclismo ourensán.
Ver esta publicación en Instagram
O I Ciclocross Apersa Audi Concello de Barbadás deu a coñecer un escenario chamado a consolidarse no mapa do ciclocrós. O polideportivo municipal exerceu de centro de operacións dun trazado de 2,7 quilómetros de lonxitude que non ofrecía descanso. A chuvia, ademais de xerar moito barro, provocou que aumentara a dificultade para xestionar unha ladeira na que os especialistas marcaron diferenzas. Unhas escaleiras duns 30 chanzos e unha ponte artificial foron outros elementos que aportaron espectáculo a unha cita que na súa estrea agradou moito tanto aos participantes como ás autoridades.
#CopaGaliciaCX22 | Barbadás estréase na Copa Galicia con festa ourensá
🏆 O elite @Ivanfeijoo15 e a júnior Sarela Conde déronlle un dobre triunfo ao @ccmaceda nas carreiras raíñas do I Ciclocrós Apersa Audi @Conc_Barbadas
🔗 https://t.co/uWHuvUIASY pic.twitter.com/kolxMp5FGs
— F_Galega de Ciclismo (@F_Gal_Ciclismo) November 20, 2022
Unha vitoria máis, catro, leva Sarela Conde esta campaña na proba estrela do programa feminino. A xuvenil do Academia Postal-Maceda volveu dominar con claridade a carreira Elite-Sub23-Júnior. Cruzou a liña de meta 1’14” antes de que o fixera María Jesús Barros (Team Oiense), que na batalla polo primeiro posto elite dobregou por 21″ á líder Eva Ortega (Extol). A júnior Vania Gregores (Ponteareas) e a elite Rebeca Fontela (Máis Que Bicis) acadaron a cuarta e a quinta posición, respectivamente. Sonia Domínguez (Farto), sexta na táboa absoluta, subiu ao chanzo máis alto do podio na categoría Sub-23.
A sexta proba da Copa Galicia 2022 brindou unha carreira Elite-Sub23 de alto nivel. Competindo na súa provincia, Iván Feijoo colleitou a súa segunda vitoria desta campaña no certame autonómico. Gañador a finais de outubro en Santiago de Compostela, o de Allariz impúxose en Barbadás por 1 minuto exacto de vantaxe respecto ao líder elite Samuel González (Máis Que Bicis), que a súa vez superou por 24″ ao vencedor sub23 e líder do seu grupo de idade Ricardo Buba (Gsport).
Outro duelo vibrante tivo como protagonistas ao elite Saúl López (Academia Postal-Maceda) e ao Sub-23 Anxo Carril (Coruxo), decantándose a cuarta praza absoluta a prol do representante da estrutura ourensá por 24″ de vantaxe. Na mesma quenda, o líder júnior André Martínez (Avanza-O Porriño) bateu nun axustado final a Héctor García (Poio Bike) e sumou o seu terceiro triunfo consecutivo no calendario galego.
Resultados doutras categorías en Barbadás
O cadro de vencedoras e vencedores en Barbadás completárono Iris Fernández (Academia Postal-Maceda) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes, Ana Nieto (Compostelano) e Jorge Pérez (Os Esfola Arrós) en máster-30, Andrés Calvete (Monte Xalo) e a campioa estatal Marina González (Illas Cíes) en máster-40, José Manuel Gómez (Xesteiras) nos máster-50 e ‘Tucho’ González (Salvaterra) nos máster-60.
Os resultados en territorio ourensán provocaron tres cambios de líderes nos quince rankings da Copa. Xián Alvariño encabeza agora a xeral cadete, Andrés Calvete adiantou na máster-40 a Constantino Muñoz (Grupeta Pan de Zarko) e ‘Tucho’ González sitúase como primeiro máster-60.
No resto de categorías continuarán lucindo as camisolas do certame galego Iris Fernández nas cadetes, Sarela Conde e André Martínez en juniors, Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en Sub-23, Eva Ortega e Samuel González en elites, Ana Nieto e Miguel Porto (Ponteareas) en máster-30, Paula Blanco (Monte Xalo) nas máster-40, e María del Carmen Armada (Farto) e o portugués Antonio Sousa en máster-50.
A entrega de premios coa que se baixou o pano en Barbadás contou coa presenza do alcalde Xosé Carlos Valcárcel. A Copa Galicia regresará a vindeira fin de semana cunha dobre entrega: o sábado no Porriño e o domingo en Maceda.