Esta tempada a sorte está en contra de Sara Moreno. A futbolista do Ourense Envialia tivo que pasar varios meses de baixa a finais do 2020, e pouco despois da súa volta, volverá a deixar as pistas.
O club ourensán anunciou a súa recaída, pola que terá que pasar por quirófano este martes, 27 de abril. Porén, o alcance da lesión é aínda unha incógnita. Tal e como explica a As Nosas o preparador físico do Envialia, Isidro Grela, ata que o corpo médico non inicie a operación non se saberá a súa gravidade.
O que é seguro, é que Sara Moreno terá que ser operada do menisco, pero aínda non é certo se tamén terá que ser intervida do ligamento cruzado anterior (LCA).
Un par de partidos despois da súa volta, Moreno tivo unha recaída, polo que volveu a pasar por consulta. Nunha das revisións, o médico detectou que o seu ligamento cruzado anterior estaba tocado desde hai anos, pero ela non o sabía, apunta o preparador.
A rehabilitación de Sara Moreno, unha incógnita
Isidro Grela explica que, precisamente porque ata o momento da operación non se saberá se é necesario intervir no ligamento cruzado, aínda é cedo para determinar o período de rehabilitación.
“Se é unha sutura, pode ser entre catro ou cinco meses. Se non hai sutura, e só quitan un trozo do menisco, pode ser a metade, dous meses. Se se lle suma o ligamento cruzado, iremos a sete, oito ou incluso nove meses de recuperación”, apunta o preparador.
O que está claro é que Sara Moreno non volverá ás pistas no que queda de tempada.
Volveré…
Hasta Pronto⚽
😥☹️🥺 https://t.co/tXn2F1WudB— Sara Moreno Molina (@Saryta14) April 23, 2021
O Envialia afronta o último mes coa enfermería chea
Neste curso as lesións e o ligamento están castigando ás ourensás do Envialia. Marta Figueiredo sufriu unha lesión en principio similar á que ten Sara Moreno, coa diferenza de que ela coñecía con anterioridade os seus problemas no ligamento cruzado.
“Estaba xogando co LCA parcialmente roto e isto pode durar un mes, ou cinco anos, como lle pasou a ela. Preparábase moi ben, pero o sabía. Porén, cando a Sara lle dixeron que o tiña tocado de antes, non sabía nada”, explica Isidro Grela.
Na enfermaría galega están tamén Andrea e Uxía, ambas con lesións do ligamento cruzado anterior. Así mesmo, María Arias segue de baixa, pero a súa presenza na Copa da Raíña é aínda unha posibilidade.
Isidro Grela (preparador do Ourense Envialia): “Das baixas de longa duración non recuperaremos a ningunha”
O Ourense Envialia FS afronta o último mes de competición cos cuartos da competición copeira ante o Burela, e o tramo final da fase polo play-off do título na liga regular. “Das baixas de longa duración non recuperaremos a ningunha e non houbo posibilidades de fichar. Tería que ter sido antes de Nadal, pero non se puido. Teremos que tirar coa xente que temos agora mesmo”, sinala o preparador físico do club ourensá.