As pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acolleron o pasado 10 de outubro unha nova edición do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub-20 de atletismo, unha competición que reuniu os principais equipos galegos da categoría nunha xornada marcada polas excelentes condicións meteorolóxicas, o gran ambiente nas bancadas e a emoción dunha loita polos títulos que se mantivo aberta ata as últimas probas.
Segundo informa a Federación Galega de Atletismo, a igualdade foi a gran protagonista ao longo de todo o encontro, cunha intensa pugna entre os clubs participantes que obrigou a esperar ata o final para coñecer os campións. Unha vez máis, as probas de remudas resultaron determinantes á hora de decidir a clasificación definitiva e configurar os postos de podio, ofrecendo un desenlace cheo de emoción.
A competición feminina ofreceu un dos desenlaces máis axustados da xornada. O Atletismo Sada e o Sanysec-Ourense remataron empatados a puntos, polo que foi necesario recorrer ao número de primeiros postos para determinar o equipo vencedor. Finalmente, o maior número de vitorias nas probas disputadas decantou o título a favor do Sanysec-Ourense, que se proclamou campión galego feminino. O Atletismo Sada tivo que conformarse coa segunda posición, mentres que a Sociedade Gimnástica ocupou o terceiro chanzo do podio.
Por parte das campioas galegas lograban triunfos parciais a campioa de España Icía Ares na marcha; Lucía Quintáns nos 400 valos; Claudia Pérez nos 3000 m.; Naroa Pereira nos 1.500 m.; Rocío Marín nos 100 valos; Rebeca Fernández en pértega e Lara Pereira na xavelina.
O Club Atletismo Sada vence na categoría masculina
Na categoría masculina, o Club Atletismo Sada impúxose grazas á gran regularidade do seu equipo ao longo da competición na que tan só o campión de España Bruno Castro lograba o triunfo parcial na loxitude. A Sociedade Gimnástica acadou a segunda posición, mentres que o Marineda Atlético completou o podio cun meritorio terceiro posto.
O campionato Sub-20 pechábase cunha gran xornada de atletismo e emoción, na que todos os clubs participantes contribuíron a ofrecer un espectáculo deportivo de gran nivel.
Clasificación por equipos do Campionato Galego Sub-20
- Categoría femenina: 1º Sanysec-Ourense (92 p.); 2ª C.A.Sada (92 p.); 3ª S.Gimnástica (89 p.); 4ª C.A.Santiago (42 p.); 5ª Ag.Viguesa (37 p.); 6ª ADAS CUPA (30 p.):
- Clasificación masculina: 1ª C.A.Sada (93 p.); 2ª S.Gimnástica (88 p.); 3º Marineda At. (87 p.); Sanysec-Ourense (86 p.); 5º R.C.Celta (71 p.); 6º At. Santiago (43 p.)
















