O Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol (CTGAF) realizou o sábado 4 de outubro, en Santiago de Compostela, a primeira xornada de formación para árbitras de fútbol da presente tempada 2025/2026.
Foron seleccionadas 39 colexiadas das categorías de Primeira, Segunda e Terceira Futgal, que participaron nunha xornada intensa de traballo dirixida por Elena Casal, responsable da arbitraxe feminina galega.
Elena Casal deu conta da formación prevista para as árbitras este curso
A xornada comezou a primeira hora da mañá cun adestramento no campo de fútbol de Chaian (Trazo). Posteriormente, desenvolveuse na sede da RFGF en Santiago de Compostela, coa benvida do presidente do CTGAF, Bernardino González. A continuación, Elena Casal presentou as actividades e formacións previstas para esta nova tempada.
O árbitro asistente de Primeira División Adrián Díaz impartiu a primeira charla, mentres que o adestrador e coach deportivo Julio Álvarez-Buylla ofreceu a segunda, titulada “Xestión da frustración. Xestión do erro”.





















