Santi Martínez adestra un ano máis ao Hockey Club Borbolla da Coruña. O equipo retorna esta fin de semana á máxima categoría do hoquei español. O pasado curso acadou o ascenso á Ok Liga e agora toca conseguir estabilidade entre os mellores equipos de España da disciplina.
Manterse é a aspiración que o propio adestrador, Santi Martínez, recoñecía que ten este grupo de patinadoras que, stick en man, buscarán defender o peso de Galicia neste deporte tamén no ámbito feminino.
O técnico do HC Borbolla defende que este novo curso na Ok Liga é un premio ao traballo feito durante anos coa base do hoquei feminino.
As Nosas: Hai lesionadas ou ausencias neste primeiro partido que vos vai enfrontar ao CP Alcorcón na casa, en Monte Alto?
Santiago Martínez: Para este primeiro partido temos as baixas da porteira Fernanda Tapia e da xogadora Fernanda Muñoz.
A.N.: Como afrontades este regreso á máxima categoría?
Santiago Martínez: Con moita ilusión e coa esperanza de lograr a permanencia ao final da tempada.
S. Martínez, adestrador do HC Borbolla: “Temos esperanza e ilusión de acadar a permanencia ao final da tempada”
A.N.: Atenaza o peso de levar a representación galega de toda a categoría?
Santiago Martínez: Realmente non sentimos esa responsabilidade. Nós somos produto e reflexo do traballo, ilusión e tesón en apostar polo hoquei sobre patíns feminino. Un proxecto serio nado hai cinco anos cun grupo de nenas que por aquel entón tiñan 13 e 14 anos e que, a base de moito traballo lograron o ascenso á OK Liga.
S. Martínez, adestrador do HC Borbolla: “Mantendo a base do equipo do ano pasado, logramos a incorporación de novas promesas do hoquei galego, e de internacionais coa Selección de Chile”
A.N.: Como vos reforzastes este curso?
Santiago Martínez: Mantendo a base do equipo do ano pasado, logramos a incorporación de dúas novas promesas do hoquei galego como son Antía Rivadas (H.C. Raxoi) e Marta Vilas (Compañía de María), así como a da mundialista coa selección de Chile Fernanda Muñoz, unha das promesas máis destacadas de sudamérica.
A.N.: Cales son as vosas aspiracións para a campaña 2020-21?
Santiago Martínez: A nosa aspiracion é lograr a permanencia
S. Martínez, adestrador do HC Borbolla: “Somos un proxecto serio nado hai cinco anos cun grupo de nenas que por aquel entón tiñan 13 e 14 anos e que, a base de moito traballo lograron o ascenso á OK Liga”

Santi Martínez: “Gústame máis o sistema de todas contra todas pero o play off ofrece emoción”
A.N.: Estades encadradas no Grupo A. Así que o HC Borbolla terá que enfrontarse nesta primeira fase da Ok Liga a equipos como Cerdanyola CH, CP Alcorcón, CP Las Rozas, Ene Oposiciones Cuencas Mineras, Garatge Plana Girona CH, HC Borbolla, Magic Studio CP Manlleu e Telecable HC. Por quen apostades para pasar á seguinte fase competitiva e como vedes o sistema de competición?
Santiago Martínez: Hai tres equipos que parece que estarán case seguro no grupo que pelexará polo título como son Manlleu (actual campión), Telecable e Cerdanyola. A cuarta praza do grupo estará moi disputada.
Como adestrador , persoalmente gústame máis o sistema tradicional de todas contra todas no sistema de Liga, creo que premia ao equipo máis regular do ano. Con todo, recoñezo que de cara ao espectador a disputa duns play off pode ofrecer máis emoción.
A.N.: Grosso modo, como é o protocolo COVID na Ok Liga feminina? Por exemplo, compítese sen máscara, tedes que facer PCRs…
Santi Martínez: Xógase sen máscara, temos que facernos test serológico cada 14 días.
A.N.: Manter un equipo na elite é complicado en termos económicos. Tedes patrocinador este ano?
Santiago Martínez: Logramos, un principal que é Hockey Global, e outros máis pequenos como Rolling Sport ou Swift.