Oito partidos disputados, oito derrotas e, agora, oito goles en contra. O Dépor ABANCA recibiu este domingo en Riazor a un dos equipos grandes da Liga Iberdrola, chamado a loitar polo título, o Atlético de Madrid.
As visitantes sentenciaron o seu dominio nos primeiros instantes do partido. Non pasaran nin cinco minutos cando o Atleti xa ía adiantado por dous tantos no marcador, obra ambos de Ludmila. No primeiro gol, a xogadora madrileña marcou a pracer a porta vacía e, no segundo, o balón entrou na porteria tras cabecear un centro de Amanda Sampedro.
Athenea, única xogadora do Dépor ABANCA que xerou perigo
Pola súa banda, as deportivistas loitaban sen xogadas claras e sen chegar á área rival. Entre as xogadoras do Dépor ABANCA, a única destacada foi Athenea del Castillo, quen lle deu as poucas ocasións de disparos a porta ás locais.
Pasada a primeria media hora, a propia dianteira cántabra foi quen rematou desde fóra da área, sen lograr bater á internacional francesa Pauline Peyraud-Magnin. Pouco duraron os intentos de ataque do Dépor. Vinte minutos durou a defensa coruñesa, axudada por Iris Arnaiz, que volvía ao once inicial. No minuto 33, as albivermellas volveron a superar a Noe Bermúdez, cun gol de Deyna Castellanos.

Por parte das branquiazuis, Athenea seguiu intentándoo sen acerto, cun disparo a porta que rematou nas mans da gardameta rival. O partido foise así ao descanso, con poucas oportunidades que deran esperanza ás herculinas.
Á volta do descanso, como nos primeiros minutos do encontro, Ludmila volveu a anotar un tanto para as albivermellas. Con catro goles en contra, semellaba que as deportivistas comezaban a reaccionar grazas ás accións de Athenea. De novo, non foi suficiente e non solo o Dépor non chegaba, senon que o Atleti volveu marcar a porta vacía. Cuarto gol de Ludmila, un pesadelo brasileño para a defensa deportivista.
As deportivistas tentaron salvar o coladero da defensa presionando a saída desde atrás das visitantes. Así chegou o gol da honra das coruñesas, como non podía ser doutra forma, asinado por Athenea. Un erro da porteira colchonera nunha entrega de balón brindoulle a oportunidade á dianteira branquiazul.
Pouco durou a alegría na casa do pobre. Noutra acción de ataque das visitantes, Laurent deixaba atrás con moita facilidade a Cris e a Sthepanie Blanco para marcar outro gol para o Atleti. A sangría goleadora non se detivo aí. As xogadoras madrileñas non fallaron diante da porta e a nos últimos dez minutos de partido se permitiron anotar outros dous tantos, obra de Toni Duggan e de Laurent, este último xa no tempo de desconto.
Co Dépor ABANCA, cada partido é un intento de remontada que naufraga. Cun 1-8 no marcador o equipo afúndese todavía máis na categoría, na que non sumou ningún punto e acumula xa varias derrotas contundentes. O equipo de Manu Sánchez volve este luns ao traballo e deberá aproveitar o parón de seleccións para repensar o seu xogo e con todo por mellorar. Na seguinte xornada, o 6 de decembro, o conxunto coruñés visitará ao SD Eibar.

FICHA TÉCNICA
RC DEPORTIVO ABANCA: Noe Bermúdez, Stephanie Balnco, Cris Martínez, Ainoa, Villegas, Arbeláez (Carlota Sánchez, min. 86), Iris Arnaiz, Alba M. (Rosalía Muiño, min 75), Athenea (Helena Torres, min. 86) e Gabriela García.
ATLÉTICO DE MADRID: Pauline Peyraud-Magnin, Van Dongen, Grâce Kazadi (Alia Guagni, min. 63), Kylie Strom (Alejandra Bernabe, min. 76), Aleixandri, Jade Moore, A. Sampedro (Emelyne Laurent, min. 63), Leicy Santos, Turid Knaak (Toni Duggan, min. 64), Ludmila (Chidiac, min. 77) e Deyna Castellanos
GOLES: 0-1 Ludmila (min. 2); 0-2 Ludmila (min. 4); 0-3 Deyna Castellanos (min. 33); 0-4 Ludmila (min. 46); 0-5 Ludmila (min. 60); 1-5 Athenea (min. 64); 1-6 Emelyne Laurent (min. 67); 1-7 Toni Duggan (min. 83); 1-8 Emelyne Laurent (min. 83).
ÁRBITRA: Verónica González. Amonestou a Alba M. (min. 69) do Dépor ABANCA e a Leicy Santos (min. 19) e a Jade Moore (min. 25) do Atlético de Madrid.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á novena xornada da competición na Primera Iberdrola. O encontro disputouse no estadio de ABANCA-Riazor e foi retransmitido por Gol.