- A porteira do Guardés, Sabina Mínguez, xunto coas Guerreras Universitarias, finalizou o Campionato do Mundo 2026 en quinto lugar.
- O conxunto nacional terminou a fase de grupos invicto despois de tres grandes vitorias, pero caeu en cuartos de final contra Polonia. Finalmente, conquistaron o quinto posto clasificatorio en dous duelos contra Brasil e China.
O Atlético Guardés segue conquistando logros máis aló das súas cores. A súa porteira, Sabina Mínguez, clasificou da man da Selección Española no quinto lugar do Campionato do Mundo Universitario celebrado en Bordeus nas últimas semanas.
O conxunto nacional inaugurou a loita por revalidar a coroa obtida no mesmo torneo o ano pasado cun refacho inmellorable, superando a fase de grupos con pleno de vitorias ante Alemaña (21-18), Brasil (20-24) e República Checa (26-25).
O camiño truncouse, con todo, no seguinte banzo, cando as Guerreras Universitarias caeron en cuartos de final ante unha selección polaca que se levou o duelo na segunda metade (31-26).

Tras a derrota, as deportistas adestradas por de Joseba Rodríguez resarcíronse ao obter o mellor resultado posible nos últimos choques pola clasificación. Impoñéndose ás brasileiras unha vez máis primeiro e á China despois, as españolas certificaron unha quinta praza que as mantén como unha das seleccións máis fortes da categoría.
Gran actuación de Sabina Mínguez na portaría
Un mérito ao que a gardameta do Atlético Guardés , Sabina Mínguez, contribuíu con fartura baixo paus, deixando grandes actuacións como o do primeiro encontro de fase de grupos ante Alemaña, que saldou con 9 cruciais paradas.

O equipo miñoto consolida así, con Sabina Mínguez, a súa presenza nas competicións internacionais unha pretemporada máis, á vez que continúa servindo como escaparate para que os seus atletas poidan demostrar a súa valía e dar o salto ás seleccións españolas absolutas, levando o nome do Atlético Guardés da man das Guerreras.





















