Colista e duodécimo son os postos que ocupan o Ulla Oil Rosalía e a AD Cortegada na Liga Feminina 2. Esta xornada ambos equipos galegos precisan puntuar para saír da zona baixa da táboa e deberán facelo lonxe de casa. O Rosalía xoga o domingo, 15 de novembro, ás 11:00 horas contara un Vega Lagunera Adareva Tenerife con tres puntos máis no seu haber. Pola outra banda, a AD Cortegada xoga tamén o domingo, pero ás 18:00 horas e fronte ao GDKO Ibaizabal que non perdeu ningún dos tres encontros que disputou.
O Rosalía quere abandoar o posto de colista
Esta tempada debut para as xóvenes xogadoras do Rosalía non está a dar moi bos resultados. Con catro encontros xogados e máis de 180 puntos a favor, as de Santiago ocupan o último posto da táboa.
Esta xornada intentarán reverter a súa mala racha contra o Adareva Tenerife que xoga en casa. As canarias soamente conseguiron a vitoria nun partido, contra o Magec Tías, na primeira xornada. Desde entón, as derrotas acumúlanse para o equipo canario.
As galegas non se lle dan ben ás canarias, xa que veñen de perder tres encontros contra o Baxi Ferrol, o Maristas e o Celta Zorka. As malas actuacións que está a facer as do Rosalía poderían cambiar o meigallo que teñen no Adareva Tenerife coas galegas.
Pero o Rosalía non está moito mellor. Despois de perder contra o CB Arxil na recuperación da cuarta xornada, o pasado mércores, as compostelás non teñen moito tempo para preparar o vital encontro do domingo.
A AD Cortegada ten por diante un encontro igualado
Tamén contra o Arxil, pero con mellores resultados, xogou a AD Cortegada no seu anterior duelo. As de Vilagarcía chegan a esta cita motivadas tras a vitoria 58-63 fronte ás de Pontevedra, pero seguen precisando puntos para escapar dos últimos postos.
Con seis puntos e 203 puntos anotados ao seu favor en catro partidos, as da AD Cortegada ocupan a duodécima posición da clasificación. Unhas cifras moi parecidas son as que manexa o seu rival, o GDKO Ibaizabal.
As vascas están na undécima posición, tamén con seis puntos e cun partido menos disputado. Así, malia a escasa puntuación as xogadoras do Ibaizabal aínda non perderon ningún encontro dos disputados. Pola outra banda, levan medio mes sen xogar, tras non poder enfrontarse ao Arxil na quinta xornada nin á Agrupación Deportiva na sexta.