A atleta Rosa Sierra volveu do Campionato de Europa máster de atletismo celebrado en Braga con dous ouros baixo o brazo. Campioa na modalidade de marcha F55 nas distancias de 3000 e 5000 metros, a deportista e veciña de Bañobre, foi homenaxeada este martes en Miño.
Neste acto, o goberno local homenaxeou á atleta en recoñecemento “ao traballo, esforzo e éxitos conseguidos pola deportista”. A recepción da deportista celebrouse no salón de actos da casa do concello.
Alí, Rosa Sierra agradeceu “ao Concello por poñer en valor o que facemos os deportistas de Miño” e explicou que “un dos momentos máis emocionantes foi escoitar o himno español durante a cerimonia de entrega de medallas porque nunca tivera esa experiencia”.
Rosa Sierra: “A medida que vas cumprindo anos é máis complicado manter o ritmo nos adestramentos”
Ademais, recoñeceu que “a medida que vas cumprindo anos é máis complicado manter o ritmo nos adestramentos” e, como mestra, fixo unha reflexión sobre a relación entre o deporte e a educación: “dou clases en Miño desde hai moitos anos e intento sempre falarlles aos nenos dos valores do deporte, que se dean conta de como lles axuda, e moito, a resolver problemas, a ser analítico”.
Pola súa banda, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, felicitou polos seus éxitos a Rosa Sierra, á que fixo entrega dun obsequio por parte do Concello. “É un orgullo para nós poder celebrar este tipo de actos. Estamos a facer unha gran aposta polo deporte e é moi importante recoñecer o esforzou e o traballo que fan os nosos deportistas para acadar éxitos”, explicou o rexedor.
Faraldo engadiu que “despois dunha época triste, nos últimos anos en Miño está a se revitalizar o espírito de pobo e accións como esta axudan a poñer en valor o que é noso e a sentirnos orgullosos de ser de aquí. Cremos que Miño ten futuro, cansámonos de repetilo, e os seus deportistas tamén”, afirmou.
No pasado mes de xaneiro, o municipio homenaxeou a outra das súas deportistas, a ciclista María Filgueiras.
No acto a homenaxeada estivo acompañada de familiares, amigos e tamén de membros do Club de Atletismo Sada, ademais de Manuel Vázquez Faraldo, o concelleiro de Deporte, Jose Manuel Pantín, a concelleira de Igualdade, Catalina Morado, a edil de Servizos Sociais, Yolanda Belo, e outros membros do goberno local.