Historias como a de Rocío González Valcarcel (28 de marzo de 2012), son as de loitadoras que avanzan por un camiño cheo de pedras e desafíos, sorteándoos con sacrificio, ilusión e unha forza de vontade capaz de facer rodar a cabeza mesmo de Xerión.

Os soños que se perseguen, ás veces, acaban por cumprirse. Se cadra o realmente importante non sexa alcanzalos, senón percorrer o camiño que conduce ata eles. As ensinanzas, as vivencias e as experiencias que xorden durante esa procura forman parte da vida. Tamén os tropezos e os obstáculos propios dun sendeiro que, en ocasións, resulta tortuoso.

Entre esas barreiras atópanse as de xénero, aínda presentes en moitos campos de fútbol cada fin de semana. Barreiras que numerosas deportistas superan na súa loita por alcanzar os seus soños. Historias de nenas que aspiran a xogar ao fútbol malia as dificultades que aínda existen.

Aos seus 14 anos, Rocío González Valcarcel xoga no C.D. Calasanz, na máxima categoría infantil de Galicia, formando parte dun grupo no que ela é a única xogadora. De feito, tamén é a única rapaza que compite en toda a División de Honra Infantil galega.

A súa traxectoria desde moi pequena non foi sinxela, pero si esperanzadora. Afeita á soidade dun vestiario no que debe cambiarse soa ou a escoitar algún comentario desafortunado desde a bancada, propio doutras épocas, mantén intactos os seus soños.
Esta futbolista coruñesa foi unha peza fundamental en numerosas convocatorias das seleccións femininas provincial e galega, e tamén formou parte en varias ocasións da Selección Española de Fútbol Sala. Co Viaxes Amarelle FSF ten gañado tres títulos de liga e outros tanto de Copa, e incluso un Campionato de España.
Rocío González Valcarcel segue rachando barreiras. Segue abrindo camiño para moitas futbolistas. E, quizais, esta vez, ese soño que persegue estea cada vez máis preto de facerse realidade.
A.N.: Que se sente ao ser a única futbolista da División de Honra Infantil de Galicia?
ROCÍO GONZÁLEZ: É un orgullo poder representar o fútbol feminino nunha liga tan competitiva, de tanto nivel e esixencia.
A.N.: Desde moi pequena xogas con este grupo. Os teus compañeiros sempre te arrouparon?
ROCÍO GONZÁLEZ: Si. Sempre me sentín arroupada como unha máis e nunca me sentín discriminada. É certo que, ao estar en vestiarios diferentes, pérdeste momentos de risas e outras emocións que fortalecen o grupo, pero iso nunca supuxo un problema.

A.N.: Es un caso atípico no fútbol galego e, con todo, demostraches que quen se propón algo con firmeza pode conseguilo. É cuestión de constancia, de traballo ou de talento innato?
ROCÍO GONZÁLEZ: Creo que é unha mistura de todo. Sempre tiven unha conexión especial co balón e certa facilidade para xogar, e iso é algo innato. Pero sen constancia e traballo nunca chegaría ata onde estou nin sería quen son hoxe.
Rocío González: Creo que é unha mistura de todo. Sempre tiven unha conexión especial co balón e certa facilidade para xogar, e iso é algo innato. Pero sen constancia e traballo nunca chegaría ata onde estou nin sería quen son hoxe.
Rocío González: “Con traballo todo se consegue”
A.N.: Que che din as túas amizades cando lles contas que xogas con vinte compañeiros e que es a única rapaza da categoría?
ROCÍO GONZÁLEZ: A xente que me coñece sabe como son e por que conseguín chegar ata aquí, así que non lles sorprende demasiado. A quen non me coñece tanto si lle chama a atención. A miña resposta sempre é a mesma: con traballo todo se consegue.
A.N.: A evolución do fútbol feminino é evidente, pero queda moito camiño para acadar unha igualdade real respecto ao fútbol masculino?
ROCÍO GONZÁLEZ: Creo que é un proceso lento e que para conseguilo todos temos que achegar o noso gran de area. Fai falta máis interese polo deporte feminino e que máis nenas se animen a xogar, deixando atrás a idea de que o fútbol é só para nenos. Precísase máis apoio, máis implicación e máis confianza no fútbol feminino.

A.N.: Que se pode mellorar?
ROCÍO GONZÁLEZ: Penso que se todos lle damos unha oportunidade ao fútbol feminino aumentará o interese, haberá máis visibilidade e seguirá medrando como deporte. Iso axudará a que máis nenas e máis afeccionados se sumen a esta causa.
A.N.: Este curso realizastes unha gran tempada e rematastes na cuarta posición. Como valoras o teu ano no Calasanz?
ROCÍO GONZÁLEZ: Creo que foi unha gran tempada para o equipo. Grazas ao traballo, ao esforzo, á constancia e ao sacrificio de todos, conseguimos rematar entre os catro mellores equipos de Galicia, algo moi importante tendo en conta a esixencia da competición.
A nivel individual comecei a un nivel moi alto, pero no tramo final sufrín unha lesión que non me permitiu rematar a tempada como me gustaría. Son cousas que non se poden controlar, cousas do fútbol. Aínda así, estou moi orgullosa de todo o traballo realizado durante o ano.
Convocada coa Selección Española de Fútbol sala en categoría infantil
A.N.: E no fútbol sala, como foi a tempada?
ROCÍO GONZÁLEZ: Foi a primeira tempada na que non gañei ningún título co meu equipo, o Viaxes Amarelle FSF. Quedamos ás portas de todos eles, competindo ata o final. Con todo, foi un ano moi útil para aprender e mellorar como equipo. Estou moi contenta co traballo realizado e o ano que vén volverémolo intentar.

A.N.: Fuches convocada de novo coa Selección Española de Fútbol Sala en categoría infantil. Que se sente?
ROCÍO GONZÁLEZ: É un orgullo enorme. É o premio a todo o traballo e esforzo realizado, non só esta tempada, senón durante todos estes anos de loita para poder estar nesa lista.
A.N.: Como afrontas estas convocatorias?
Con moitísima ilusión e con moitas ganas de demostrar o que podo achegar, seguir aprendendo, coñecer xente nova e continuar formándome mentres vivo experiencias inesquecibles.

Rocío González: “Persigo o seño de chegar a ser profesional”
A.N.: Cal será o próximo paso no camiño de Rocío González?
A verdade é que aínda non o teño completamente claro. Hai moitas opcións, pero o que si sei é que vou seguir traballando para perseguir o soño de chegar a ser profesional e, sobre todo, para seguir gozando do fútbol.
Rocío González: “Vou seguir traballando para perseguir o soño de chegar a ser profesional e, sobre todo, para seguir gozando do fútbol”

A.N.: E no futuro, imaxínaste xogando no Dépor ou quizais noutro equipo profesional?
Creo que para calquera persoa sería un orgullo xogar no equipo da súa cidade. Sei que existen moitas opcións e moitos clubs que compiten ao máximo nivel, polo que tampouco hai que pechar portas. Pero o Dépor é unha gran opción e, quen sabe, oxalá algún día se presente a oportunidade.
A.N.: Un soño.
Chegar a ser futbolista profesional, seguir vivindo experiencias que me axuden a mellorar e, por riba de todo, seguir gozando do fútbol.





















