O presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, mantivo unha reunión coa concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, un encontro que serviu como primeira toma de contacto e que resultou “moi positiva”, pois quedou clara a vontade da concelleira e do seu equipo de traballar por dar solución aos problemas que preocupan aos clubs de fútbol da cidade.
Rafael Louzán informou da delicada situación que está a atravesar o deporte, e en particular o fútbol, con motivo da pandemia e puxo especial énfase en destacar a necesidade de instalacións que teñen os clubs coruñeses para poder practicar deporte en condicións dignas.
Os campos de Eirís, A Torre e San Pedro de Visma
Neste sentido, segundo comunica a RFGF concelleira “sinalou que espera poder poñer en breve a disposición dos clubs o renovado campo de Eirís, cuxas obras comezarán nas vindeiras semanas, e tamén indicou que xa está máis preto a renovación das instalacións de A Torre, así como a colocación de cuberta nos campos de San Pedro de Visma”.
Segundo explican desde a Real Federación Galega de Fútbol, “sen dúbida, reformas estas que servirán para solucionar parte das necesidades dos clubs e que antes de rematar este ano poden comezar a ver a luz”.
Canchas en desuso
Juan Luis Villamisar, vicepresidente da RFGF, informou á concelleira da existencia de varios campos de fútbol na cidade que están abandoados ou en desuso e que a súa activación tamén serviría para cubrir esas necesidades dos clubs. Neste sentido, sinalan desde a RFGF que a responsable de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, “tomou nota e xa indicou que nalgúns casos xa os teñen como temas prioritarios na súa axenda”.
Pola súa banda, Diego Batalla, secretario xeral da RFGF, tamén quixo tratar asuntos de carácter administrativo nas relacións entre o Concello e a Federación que requiren igualmente de solución.
Os responsables federativos puideron coñecer de primeira man a vontade da concelleira e o seu equipo de traballar polo deporte coruñés, pero tendo claro tamén que agora mesmo todas as axendas están marcadas pola COVID-19.
As dúas partes seguirán mantendo un contacto permanente logo dunha primeira reunión que Louzán califica de “moi positiva”.