Asistir a un derbi entre Burela e Poio é garantía de ver un cinco contra cinco de nivel. Hoxe, non foi menos. O duelo entre conxuntos galegos foi unha boa mostra do altísimo nivel que ten o futsalfem galego. Ambos os dous conxuntos están na zona nobre da táboa por méritos propios. O triunfo foi sobre a mesma bucina e supuxo a remontada das Guerreiras Laranxas nun partido que comezaron gañando as conserveiras. O derbi irmandiño foi para as lucenses pero ‘o mellor equipo do mundo’ tivo que pelexar moi duro para facerse cos tres puntos.
O Pescados Rubén Burela álzase coa vitoria despois dunha remontada nun partido trepidante diante do Poio Pescamar FS. As Guereiras Laranxas segue demostrando o seu poderío e peso na liga despois deste resultado de 3-2 nun duelo de rivalidade galego contra outro dos equipos fortes da tempada, as conserveiras.
Debido ao que non era un partido calquera, xa que se trataba dun derbi, os dous equipos saíron con moitísima intensidade demostrando que querían levar os tres puntos. Tanta era a intensidade, que Dani Sousa abriu o marcador no minuto 2 de partido, tras unha perda atrás en defensa o conxunto laranxa. Durante os próximos minutos, o Pescados Rubén Burela tentaba buscar o empate con múltiples ocasións.
Con todo, no minuto 7 de partido, volve anotar Dani Sousa para poñer o 0-2 no marcador, despois doutro barullo defensivo. Ás guerreiras, ir por detrás do marcador por dobre partida non lles afectou, e desde ese momento estivo a buscar a portería rival en aras a reducir a vantaxe.
O Poio Pescamar FS estaba ben plantado en defensa, e co Pescados Rubén Burela moi envorcado arriba, tivo as súas ocasións para ampliar a súa vantaxe. O final do segundo tempo resúmese na procura do gol, ata o punto de que Emilly cun zapatazo atopouse co traveseiro.
Finaliza a primeira con esa vantaxe do equipo visitante e coas locais tentando reducir distancias. Comeza a segunda parte coa mesma intensidade, tendo no primeiro minuto unha dobre ocasión clara. No transcurso dos primeiros minutos o Pescados Rubén Burela segue apertando, coa afección apoiando desde as bancadas.
As ocasións por parte das guerreiras chegaban sen descanso, e non cedían nin un momento. Xuntaron moitas chegadas á área que non acababan en gol, e Emilly volveu ter outro disparo, nesta ocasión, ao pau.
O Burela opta polo xogo de cinco para remontar
Pasado o ecuador da segunda parte, o Pescados Rubén Burela empeza co xogo de cinco, e co pavillón de Vista Alegre motivando ás locais. O conxunto da Mariña seguía xerando ocasións ata chegar ao minuto 34 onde Irene Samper era quen de reducir distancias.
Os últimos minutos do encontro foron frenéticos, co Pescados Rubén Burela na área rival buscando igualar o encontro. No último minuto de partido, Ale de Paz consegue empatar o encontro 2-2 coas bancadas vibrando.
Non ía ser a última boa noticia para as guerreiras, pois faltando apenas uns segundos, o equipo local con heroicidade remonta o partido poñendo o definitivo 3-2, novamente con Ale de Paz de protagonista.
FICHA TÉCNICA
3) PESCADOS RUBÉN BURELA: Sandra, Dany, Ale de Paz, M. Cortés e Irene Samper – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Jozi Oliveira (p.s.), Cilene, Jenny, Lara Balseiro, Elenita, Bea Mateos, Elena Aragón e Emilly.
2) POIO PESCAMAR FS: Caridad, Luci, Ana Rivera, Dani Sousa e Irene – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Angela, Luísa, Dupuy, Martita, Agostina e Lucía Paz.
GOLES: Min 2: 0-1 Dani Sousa, Min 7 : 0-2 Dani Sousa, Min 34: Irene Samper 1-2 ; Min 39: Ale de Paz 2-2 ; Min 39:40 Ale de Paz 3-2.
EQUIPO ARBITRAL: Roberto Amor Vizoso, Borja Darriba Villamor – Figueroa, Dos Santos Mon. Amosaron cartón amarelo a Luci Paz, futbolista do Poio Pescamar FS.
INCIDENCIAS: Partido aprazado correspondente á xornada 17ª da Primeira División do FSF da RFEF, disputado no pavillón de Vista Alegre no Concello de Burela.