O Ulla Oil Rosalía aguanta na Liga Feminina 2. Dentro da mala racha na que están metidas, con sete xornadas consecutivas perdendo, o partido adiado ante o Magec Tías chegou como un oasis no medo do deserto. As compostelás recibían ás colistas, nun man a man por evitar ser o farolillo da Liga Feminina 2, e con vitoria para as galegas no último segundo (60-59).
Este era un deses partidos que definen o futuro de ambos equipos. Dous clubs modestos que loitan por estar na categoría de prata, sufrindo cada xornada, pero deixándoo todo na pista. Esta ocasión non foi distinto, e o duelo entre galegas e canarias estivo no aire ata o instante final.
En palabras do técnico local, Chiqui Barros, esta foi “unha vitoria realmente importante, nunha fin de semana moi dura. Fumos a remolque e soubemos sufrir”, comenta.
A igualdade mandou no terreo entre Rosalía e Magec
Ambos conxuntos acusaron o cansanzo de dous partidos dous días seguidos. O Rosalía enfrontouse o sábado ao Arxil, mentres que o Magec facía o propio co Ibaizabal co Vizacaia. Pero a intensidade da fin de semana non lles quitou a enerxía para loitar nun partido vital para permanecer na LF2.
O primeiro cuarto xa deixaba claro a igualdade entre o nivel de xogadoras locais e visitantes. Os primeiros dez minutos pasaron e o empate non se movía do marcador, que informaba do 14-14.
Para o seguinte parcial, as canarias lograron sacar unha lixeria vantaxe, sempre sen superar de forma clara ao rival. As locais parecía que estaban “noqueadas”, segundo o seu propio adestrador e “resentidas” segundo a 3 do equipo, Carla García. Algo que pasoulles factura, polo que o descanso chegou con vitoria para o Magec, que lograba unha distancia de oito puntos.
Tras o descanso, as xogadoras de Barros deron un golpe na mesa, deixando claro que non ían deixar escapar o trunfo tan facilmente. O cadro galego aproveitou o descanso para facer uns axustes que se traduciron nun cambio defensivo. Estas modificacións no xogo, “cambia o partido completamente e dános confianza”, declara Barros.
Carla García: “Na segunda parte saímos moi mentalizadas e a defensa foi clave”
Algo co que coincide a súa xogadora Carla García. A 3 branca asegura que “na segunda parte saímos moi mentalizadas e a defensa foi clave”. Ademais de lograr baixar a anotación rivla, varios tantos das xogadoras compostelás permitíanlles achegarse no marcador ás contrincantes, pero sen chegar a superalas en ningún momento.
O partido decidiuse nos instantes finais
Co último cuarto, o partido estaba completamente aberto, con posibilidades para calquera. A falta de dez minutos para a bocina final, os dous equipos agotaban as súas posesións e os fallos en ataque sucedíanse. En catro minutos, cada conxunto asinou só tres puntos, e a vantaxe aínda era para o Magec.
No ecuador do parcial, o cadro galego adiantouse, pero as visitantes responderon cun triple que lles devolvía a vitoria momentánea. Así, cun vaivén de canastras e ocasións, seguiu o partido ata o minuto final.
Chiqui Barros: “Na parte final xogamos con moito sentido, dos mellores minutos da tempada”
“Na parte final xogamos con moito sentido, dos mellores minutos da tempada, poñendo o balón nas mansa da xente que nese momento tiña que telo”, declararía no postpartido o adestrador Chiqui Barros.
A falta de 19 segundos, o empate estaba no marcador e se mantivo así ata os catro segundos finais. Blanca Manivesa logrou unha falta persoal, tendo así que tirar dous tiros libres. Fallou o primeiro, pero á segunda non perdoou, brindándolle ao Rosalía un trunfo vital no terreo deportivo e no mental.
Co remate deste duelo, Magec Tías segue como colista, con 18 puntos, e o Ulla Oil Rosalía está de terceiro pola cola, con 21 puntos.
Os resultados chegan coa aprendizaxe
Esta é a cuarta vitoria (segunda en casa) para o Rosalía, que está aínda aprendendo a competir na categoría de prata. Despois de varios partidos axustados, contra rivais ao seu mesmo nivel pero en moitas ocasións máis sorte, o baloncesto sorriu ás compostelás.
Chiqui Barros: “Nun conxunto tan xove e ao que tanto tanto lle custa esta categoría, as vitorias son motivo de alegría e reivindícanos como un equipo que loita por gañar o seu espazo nesta competición”
“Foi unha vitoria importantísima e máis que merecida polo traballo do equipo. Nun conxunto tan xove e ao que tanto tanto lle custa esta categoría, as vitorias son motivo de alegría e reivindícanos como un equipo que loita por gañar o seu espazo nesta competición”, afirma sen dúbidas Chiqui Barros.
FICHA TÉCNICA
60) ULLA OIL ROSALÍA: Sara Corredoira (8), Ángela (10), Sarai Carro (4), Nera Liste (9) e Leticia Soares (7) — cinco inicial —. Tamén xogaron: Carla García (8), Nuria Chorén (7), Marta López (2), Clara Riera (4) e Blanca Manivesa (1).
59) MAGEC TÍAS: Regina (7), Mainouna Haidara (13), Samira Olano (2), Carolina Mateo (17) e Esperanza Delgado (13) — cinco inicial —. Tamén xogaron: Sara Duarte (3), Iranzu Drake (4), Andrea Rodríguez (-) e Noelia Lago (-).
PARCIAIS: 14-14, 7-15, 21-14 e 18-16.
ÁRBITROS: Romina Marchiano e Christian Buceta. Foi eliminada no Rosalía Carla García.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á adiada 10ª xornada da Liga Feminina 2 disputado no Instituto Rosalía de Santiago de Compostela.