O PM Friol fixo historia na pasada semana xogando por primeira vez a Copa da Raíña de fútbol. As xogadoras, adestradas por Covi Regueiro, sumaron unha vitoria por un 4-2 ante o Osasuna, pasando directamente de fase.
Tras este triunfo histórico, a preparadora asegurou que “para nós é unha ilusión tremenda poder disputar por primeira vez na nosa historia a Copa da Raíña. Creo que é unha competición especial porque te enfrontas a partido único a equipos de categoría superior e iso sempre é un aliciente”.
A maior categoría do Osasuna non foi un impedimento para o Friol, que dominou o partido incluso nos momentos difíciles. Por iso, Regueiro asegura estar “moi orgullosa da boa imaxe que deu o equipo, que a maiores estivo acompañado dun resultado positivo que nos permite xogar outra eliminatoria”.
Poñendo o foco no duelo, a adestradora asegura que “o partido tivo unha parte para cada equipo”. A primeira metade foi local, na que as xogadoras do Friol “fumos superiores, tapámoslle moi ben a saída de balón, roubamos moitos balóns no medio campo e estivemos moi ben en transicións ofensivas, facéndolles dano ás costas da defensa. Ademais, materializamos as ocasións que tivemos, o que nos permitiu irnos con 3-1 no marcador”.
Xa na segunda parte, o Osasuna optou por unha defensa de tres adiantando liñas para buscar a remontada, e desta forma “crearon ocasións pero a nosa defensa aguantou moi ben e buscamos seguir facéndolles dano a contra, onde tamén tivemos un par de ocasións, e unha delas foi o cuarto gol”, sinala Covi Regueiro.
Cun final 4-2 a vitoria quedou en casa, e o Friol seguirá facendo historia e dando pasos adiante na competición de Copa.