Rebeca Kruse é xogadora de voleibol. Actualmente, xoga como amateur no Club Voleibol Ourense Aceites Abril, pero xogou na máxima categoría profesional e, precisamente, foi naquel momento cando deu a luz á súa primeira filla. Agora xa ten dúas e vai pola terceira. Cando en As Nosas a entrevistamos estaba embarazada de máis de sete meses.
As Nosas: Este non é o teu primeiro embarazo. Teño entendido que nos anteriores incluso seguiches xogando embaraza.
Rebeca Kruse: Tanto cos pequenos como agora seguín xogando. Neste, ademais, coincidiume a principio de liga e xoguei ata case os catro meses con moito coidado. Son bastante consciente do meu corpo e a miña posición no campo (atacante) permítemo. Non tiña tanta responsabilidade no campo e non me atopaba tan grande. Foi por botar unha man ao equipo. Estiven uns seis partidos ata que xa non podía saltar e me atopaba máis incómoda.
A.N.: E nos anteriores?
Rebeca Kruse: Similar. Coa pequena xoguei ata a fase de ascenso en Avilés. A nena naceu en novembro e en decembro volvín xogar. Foi o ano que conseguimos o ascenso.
A.N.: Con todas as deportistas coas que falei, non sei se por ser deportes máis minoritarios, sempre me transmitides esa responsabilidade co equipo. De non deixalos tirados, de botar unha man.
Rebeca Kruse: No meu caso tamén é porque son a máis veterana, a que ten máis experiencia. Eu xoguei en primeira división. Entón teño esa sensación de responsabilidade e peso, pero non porque o resto de compañeiras non poidan. Elas son capaces de facer fronte a equipos potentes sen min, pero levo seis ou sete tempadas xogando con elas e síntome como a mamá. E incluso o paso mal sen poder xogar, vexo todos os partidos por streaming e cando son na casa dígolles indicacións desde a bancada. É o meu equipo, aínda que non estea.
A.N.: E vai seguir séndoo porque teño entendido que xa queres volver este verán.
Rebeca Kruse: Pois a liga remata a finais de marzo, principios de abril pero ao volei praia, en canto poida. Quero comezar a facer un pouco de actividade física e xogar algúns torneos. Porque claro, o problema de todo isto é que a Federación Española de Voleibol non garda os puntos en caso de embarazo.
A.N.: Como é iso?
Rebeca Kruse: O volei funciona un pouco coma o tenis, torneo que ti xogas, segundo os resultados, puntúas. Deses puntos, danche un ránking e nese ránking pois clasificas para xogar rondas previas ou cadros principais de competicións. A federación internacinal en caso de embarazo ou lesión grave, garda os puntos dous anos. É dicir, o ano que non xogas ao ano seguinte tes os puntos dispoñibles. Se non, o normal é que cada ano os puntos caduquen.
No meu caso, por exemplo, en marzo do ano pasado comecei a competir, eu eses puntos agora pérdoos. Acabei o verán con 1.800 puntos e comezarei este con moitos menos. Así, a miña idea era competir algo en xuño, xullo e agosto.
Rebeca Kruse: “Psicoloxicamente boto de menos a actividade física”
A.N.: Parece incrible saíndo de contas a primeiros de abril.
Rebeca Kruse: Pero e que é algo que psicoloxicamente necesito. O que peor levo de estar embarazada é a falta de actividade física. Todo o deporte que eu podo facer estando embarazada, a min, abúrreme: correr, ir en bici…Eu necesito unha pelota, competir. No embarazo anterior aos 20 días (de dar a luz) comecei a xogar, non saltaba porque non podía aínda pero xa comecei a tocar balón e mover o corpo. Non podes xogar normal pero si algo.
A.N.: Claro, ti, como deportista, xa vas vendo que podes facer, non?
Rebeca Kruse: Claro, o corpo ten memoria, e unha persoa que non xoga, non, pero para min que levo toda a vida xa sei que podo facer e que non, ata onde poido chegar.
De feito eu ao principio coas náuseas levábame algo de comer, no momento no que me empezaba a atopar mal bebía algo no banco, nalgunha xogada téñome tirado de lado porque de fronte non podes…Eu sei o que poido facer, un pouco como cando xogas lesionado.
A.N.: Entendo que hai cuestións, como os cambios físicos no embarazo, que non se poden obviar na competición, pero en que outros aspecto se podería favorecer a maternidade tamén entre as deportistas?
Rebeca Kruse: Pois, por exemplo, é un pouco forte que internacionalmente se garden os puntos e a nivel nacional, non. A día de hoxe, o erro que eu vexo é que cada vez nacen menos nenos porque xa supón un sacrificio porque é digamos entre comillas un parón na túa vida, se aínda por riba tes na túa competición unhas consecuencias que repercuten directamente no teu ránking, moita xente ten que esperar a deixar de competir xa non só a nivel profesional, senón incluso amateur cando o tomas en serio.
Aínda que non te gañes a vida con iso pensas, jolín e que agora se me embarazo vou perder todo polo que estiven remando e perder todos os puntos. Porque, claro, cantos máis puntos tes, máis fácil é facer máis puntos. Xa entras en cadro principal, enfrontamentos máis difíciles, pero nun escalafón máis alto. É a “pescadilla que se muerde la cola”.

A.N.: No teu caso tivéchelo que pensar?
Rebeca Kruse: Claro. É a sensación de que non hai empatía. Somos mulleres e é verdade que agora hai moita máis concienciación co deporte feminino, por exemplo co apoio de Iberdrola, pero despois, algo tan básico como é protexer a esa muller a nivel competición para ter un fillo, non existe.
A.N.: E como se podería mellorar esta situación?
Rebeca Kruse: Eu creo que o primeiro é a concienciación. A mellor ideade dunha muller para ter fillos non son os 36 anos que teño eu agora. A min, coa miña primeira filla tiña 24 anos e pasoume que xogaba en Superliga, en primera división, e tiven que deixar de xogar dúas tempadas e logo reenganchar para volver xogar. Ao non ser deportes profesionais, como é o caso do volei, non hai ningún tipo de axuda nin resorte.
A.N.: Claro, non cobras porque non tes baixa.
Rebeca Kruse: Claro. Paras dous anos seguidos por completo e logo, volver empezar.
A.N.: E na túa mellor idade a nivel deportivo.
Rebeca Kruse: Claro, é o que dicía antes da pescadilla que se muerde la loca. Eu puxen en primeiro plano ter á miña filla e no segundo o deporte, pero moitas outras persoas non poden porque é o seu modo de vida. De feito, a mellor xogadora de volvei de España, Lili Fernández, ten un bebé dun ano e algo e tivo que deixar de competir.
A súa compañeira seguiu xogando con outras xogadoras para seguir acumulando puntos, Lili perdeunos. Agora que volveu competir viaxa co seu bebé porque a profesión do marido llo permite, se non…No deporte o que non hai é conciliación. O tempo que tes que botar fóra, tes que botalo fóra e competir cando tes que competir. Nun traballo normal podes pedir redución de xornada ou X cambios, pero no deporte non. É aínda máis complicado conciliar.
“No deporte o que non hai é conciliación. O tempo que tes que botar fóra, tes que botalo fóra e competir cando tes que competir”
A.N.: Se xa é difícil de por si…
Rebeca Kruse: Claro. E sobre todo en deportes de grupo. No individual aínda te organizas o teu horario segundo o teu bebé pero nun deporte colectivo…Eu en Superliga tiven que contratar unha nanny para ir entrenar e recorrer aos pais, sogros…
A.N.: Polo que dis, o maior problema non é tanto o embarazo como a conciliación posterior. Como podíamos mellorala?
Rebeca Kruse: E que ao final parece que sempre estamos pedindo diñeiro pero o certo é que é o xeito de que poidas ter unha base ou apoio para organizarte. Porque vale, colles unha baixa, pero despois? Volvemos ao mesmo: colas nas guarderías, todo complicado. Deberíamos ser conscientes como sociedade, non só coas mulleres deportistas, senón en xeral, do problema de natalidade. Hai que fomentar dalgunha maneira e poñer facilidades para ter fillos. A solución non é que teñamos fillos a partir dos 35, que é o que está sucedendo agora. Habería que ser máis sensibles.
“Deberíamos ser conscientes como sociedade, non só coas mulleres deportistas, senón en xeral, do problema de natalidade. Hai que fomentar dalgunha maneira e poñer facilidades para ter fillos. A solución non é que teñamos fillos a partir dos 35, que é o que está sucedendo agora”
Noutros países, eu vivín en Estados Unidos e hai unha estrutura incríble. Se ti non traballas pola mañá, podes levar ao teu fillo ao colexio pola tarde, hai máis alternativas, collen o teu neno no autobús que é gratuíto e déixancho na túa casa. E por iso, a natalidade alí é máis alta. E compénsase o horario escolar. Os colexios empezan e rematan máis ou menos á mesma hora que os traballos.
Estamos entrando nunha dinámica na que parece que ter un fillo, obviamente é responsabilidade dos pais, pero se queremos ter pensións, temos que ter alguen que traballe cando nos xubilemos. É unha cadea e se un elo falla, as consecuencias pagámolas todos.
Se están dando axudas superfluas e eu creo que o principal é axudar ás familias a conciliar, a ter alternativas prácticas e reais que non sempre sexan “previo pago de” e non recorrer sempre aos avós.
A.N.: E como poderiamos implicar máis aos pais neste proceso para gañar en igualdade?
Rebeca Kruse: Eu opino que está xenial que se equipare a baixa maternal á paternal. Meu marido, coa pequena, tivo 15 días de baixa e desta tocaranlle entre 8 e 12 semanas. O lóxico é que se equiparen, din que se fará de xeito progresivo en 2021, pero non entendo por que non se fixo xa de golpe. Eu, neste sentido, teño sorte porque el se implica tanto ou máis ca min, pero debería ser así en xeral, o que máis tempo dispoña que se responsabilice dos fillos. Tamén creo que eles cada vez están máis concienciados.
A.N.: As consecuencias físicas dun embarazo son exclusivas das mulleres, pero cres que unha vez que deportistas homes e mulleres son pais hai un trato diferenciado?
Rebeca Kruse: E que no que se refire exclusivamente ao coidado dos fillos non creo que haxa diferencia a nivel deportista. Simplemente, o corpo do home non ten que pasar por ningún tipo de cambio á hora de ser pai e, polo tanto, o seu rendemento deportivo non se ve afectado, salvo pola falta de descanso e o cambio no ritmo de vida.
Aí atrás houbo moita polémica cun futbolista porque dixo que as xornadas antes dun partido durmía noutra habitación e eu si o comprendo. Por que? Porque se eu, por exemplo, teño que traballar desde as cinco da mañá ata as 9 da noite, se a miña filla se desperta o que se vai levantar é el, porque necesito descansar. Pois o corpo dun deportista ten que render e se hai unha persoa que é deportista e outra que non, pois esa terá que facer un sacrificio maior nesa noite para compensar.
A.N.: Xa vemos que a nivel institucional queda moito por facer, pero a nivel persoal tiveches apoio da túa contorna deportiva?
Rebeca Kruse: No meu caso foi, coa primeira filla, eu deixei de xogar, polo tanto non tiña contrato con ningún club. Ao volver, volvín xogar a Monforte, á Agrupación Deportiva A Pinguela, equipo de Súperliga 2, eles sabían que eu levaba dous anos parada. Apoio? Especificamente tampouco, porque eu simplemente ía adestrar, a nena quedaba cos meus pais en Verín. Ao ano seguinte que xa veu conmigo e tiven que contratar a unha nanny para que quedase con ela cando adestraba.
A.N.: Non había facilidades?
Rebeca Kruse: Non, nin se había que viaxar dicían, como fas coa nena ou algo. Non. De feito, nalgún momento se, polo que fora, meus pais non estaban eu tiña que quedar con ela. Tiven que pedir expresamente permiso ao club para poder meter á nena na miña habitación do piso que pagaba o club. Foi un “búscate a vida” totalmente.
Despois coa pequena xa me pillou noutra época con 33/34 anos, cunha estrutura feita en Ourense e por parte do club (Aceites Abril) sempre houbo esa mensaxe de “non te preocupes”, “o que precises”. Nunca tiven a necesidade de facelo, pero a actitude foi diferente. Tamén é certo que a aproximación ao deporte era diferente. Antes adestrar e xogar era o meu traballo e agora xogo porque me dá a gana. Se podo ir, vou, e se non podo, non vou. No primeiro embarazo non era unha opción porque era o meu traballo.
A.N.: Algunhas deportistas dicíanme que querían volver competir despois do embarazo porque tamén lles gustaba que os seus fillos visen a unha muller competindo no campo. No teu caso tamén te sentes un exemplo para as túas fillas?
Rebeca Kruse: E que para min é un estilo de vida. Eu creo que o feito de ser nai non significa que deixes de ser persoa. A min o deporte faime feliz e mentres o meu corpo me permita xogar… Eu non lles vou poñer (ás miñas fillas) o San Benito de que tiven que deixar de facer deporte por elas. E que non lle vou poñer esa carga. O deporte é algo positivo, que ensina valores e creo que lles dou bo exempo ás miñas fillas non só xogando un deporte, senón dicindo, isto faime feliz e eu vou seguir facendo o que me faga feliz porque non é incompatible con ser nai.
“Eu creo que o feito de ser nai non significa que deixes de ser persoa. A min o deporte faime feliz e mentres o meu corpo me permita xogar… Non lles vou poñer (ás miñas fillas) o San Benito de que tiven que deixar de facer deporte por elas”
E flípame ir xogar e ver ás miñas nenas alí, animando, é o máis bonito do mundo. Ou que na casa vexa unha pelota e diga: “Eu como mamá”. Miñas fillas ven que a súa nai loita por seguir facendo algo que lle fai feliz.
A.N.: Queres dar algunha mensaxe final?
Rebeca Kruse: Non, que parece que sempre estamos pedindo diñeiro pero non é unha cuestión de pedir diñeiro, é unha cuestión de que fan falta bebés e hai que poñer todas as facilidades. No deporte non habería que ir aos profesionais con bolsas ADO. Por parte de Concellos e administracións locais creo que tamén sería interesante e positivo que se contemplase a posibilidade de axudar a esas mulleres que teñen bebés a seguir facendo o seu deporte e seguir coa súa actividade deportiva ‘a pesar de’.

A difícil decisión de ser nai cando eres deportista
É posible ser nai e seguir competindo?
Existe a conciliación no deporte?
As Nosas aproxímase ao mundo da maternidade a través de tres grandes mulleres do deporte galego

Helen Roca: “A incerteza de se vas poder volver é o máis complicado de ser nai”
A ex-xogadora de rugby conta para As Nosas a súa experiencia só 12 días depois de dar a luz e admite que “xera tristeza apartarte do deporte no que levas toda a vida”

Lucía Nespereira: “Se es nena, para facer algo diferente tes que ser forte e dura. É unha mágoa, porque facemos nenas superviventes”
A xogadora de fútbol sala deixou de competir durante tres temporadas para coidar dos seus xemelgos, pero voltou, entre outras cousas, para que o seus fillos a visen xogar