Quenda na baía herculina para a vela de base, coa regata no Meeting Gadis – Cidade da Coruña de Optimist, unha cita creada en honra ao recordo dun dos maiores traballadores da vela galega para o que fose presidente do Real Club Náutico da Coruña: Aurelio Fernández Lage.
En augas coruñesas reunirase o máis selecto da vela do noroeste, con 150 barcos que terán por canas aos que apuntan alto nun futuro inmediato. É o caso dos dous favoritos deste penúltimo acto da Semana ABANCA: en mozos o coruñés Fernando González del Castillo e en mozas a viguesa Carolina Comesaña. El pertence á disciplina do Náutico da Coruña e ela a do Marítimo de Canido. Ambos os dous ocupan na clasificación o número uno, antes de comezar o Meeting Gadis – Cidade da Coruña de Optimist.
Serán dúas intensas xornadas, con comezo o sábado ás dúas da tarde (dúas horas antes celebrarase no Náutico Deportivo a reunión de patróns) e o domingo ás dez e media. O obxectivo do director de Regata, que se celebren seis mangas, repartidas en tres diarias.

Na clasificación feminina estarán en liña de saída as cinco primeiras regatistas. A máis da líder, Carolina Comesaña, do Marítimo de Canido, figuran como participantes outras destacadas deportistas. Así, polo Real Club Náutico Rodeira de Cangas estará Carolina Ramírez, polo Náutico da Coruña Nora Nieto, do Monte Real Club de Yates de Baiona Aitana Pérez e Arancha Riveiro tamén do náutico coruñés. Completan no grupo dúas novas promesas Sub-13 Laura Pérez e Alma Chamorro, ambas as dúas do Marítimo de Canido.
En categoría masculina en liña de saída os cinco primeiros da clasificación actual: o citado González del Castillo, o olívico Paco Rivera do Náutico de Vigo que con tan só 13 anos está entre os mellores xa. O ribeirense Bruno Iglesias é o terceiro e ten unha calidade excepcional. Completan a lista de regatistas destacados outro vigués Alejandro Alonso e outro herculino Javier García, pero de Marina Coruña.
Trece clubs de toda Galicia estará nesta cita dos Optimist
Agárdase un gran ambiente para este Meeting Gadis – Cidade da Coruña de Optimist, no que o club con maior representación é o anfitrión: o Real Club Náutico da Coruña con 26 barcos (15 masculinos e 11 femininos); seguido do de Vigo (12 e 8) e de tres clubs con 14 barcos, Marítimo de Canido (8 e 6), Marina Coruña (7 e 7) e Náutico Sanxenxo (5 e 9). En total 13 clubs de toda a costa galega, e de zonas do interior caso do Fluvial das Pontes.
Esta competición marcará o final da Semana ABANCA na Coruña. Restará soamente xa a regata de remo, a Copa de Galicia – Villa de Marín, que reunirá na ría de Pontevedra, o sábado 3 de decembro a preto dun centenar de bateis. Esta cita deportiva fora adiada o pasado mes de outubro por unha alerta laranxa.