“O noso obxectivo é manternos, non a Copa, en Majadahonda xogámonos unha final”, así se expresaba o adestrador do ENCE Marín FutSal, Raúl Jiménez ao final do partido copeiro ante o Viaxes Amarelle.
E non vai mal encamiñado o conxunto galego que este ano debuta na máxima categoría. Está ubicado xusto no medio e medio da táboa da Primeira División de Fútbol Sala Feminino da RFEF. O ENCE Marín FutSal xogou o luns Liga co Pescados Rubén Burela, perderon 4-0, Copa da Raíña co Viaxes Amarelle, gañaron 4-5 nun partido moi disputado, e xogan mañá sábado 11 de decembro ante o Rayo Majadahonda AFAR 4 FSF. Será ás 16:00 horas no pavillón La Granadilla.
O técnico das de Marín tíñao claro cando lle preguntamos ao final do choque de Copa con Amarelle: “O partido este fin de semana é unha final. É dos que veñen pelexando polos postos de abaixo e xogan en casa. Temos que ir a por o tres puntos. Sabendo que son un equipo correúdo en casa. Esta semana tentamos non adestrar ao xogar tantos partidos seguidos”.
Raúl Jiménez ten as metas do ENCE Marín FutSal claras: “O noso obxectivo esta tempada é manternos. Na Copa nin pensabamos sumar xornadas. Quizais para nós é case un marrón ter que xogar o 8 de xaneiro. Será un adestramento máis. O noso obxectivo é claro: manternos”.
Sobre o partido de Copa da Raíña ante o Viaxes Amarelle admitía que o tiñan pasado “mal. Viñamos xogar contra un rival que aínda que estea en Segunda División xogou en Primeira División nos últimos anos”. Apuntou tamén que viñan de xogar “en Burela, e temos un partido importantísimo o sábado en Mahadahonda. Demos o máximo de nós. Foi un encontro moi apertado. O rival puxo do seu parte para que non fósemos o equipo que fomos esta tempada na Primeira División. Estamos contentas coa vitoria pero o partido foi máis bronco do que podiamos pensar ao empezar”.
Precisamente pensando no partido de mañá sábado ante o Rayo Majadahonda Raúl Jiménez explicaba que tentara “dar rotacións ás xogadoras ante o Viaxes Amarelle, pero fixo falta que xogasen máis. Tivemos a fortuna de face e ao final levámonos a vitoria”.
Ver esta publicación en Instagram
O equipo de Jiménez e o resto de equipos galegas xa teñen rivais de Copa
A seguinte eliminatoria de Copa da Raíña medirá ás xogadoras do ENCE Marín FutSal co CD La Concordia. O resto de cruces de conxuntos galegos será Ourense Envialia – CD Leganés, Universidad de Alicante – Pescados Rubén Burela FS e Sala Zaragoza – Poio Pescamar FS.